Publicador de contidos
Publicador de contidos

Volveu a neve ás catro provincias de Galicia coa chegada da primavera

Volveu a neve ás catro provincias de Galicia coa chegada da primavera

O interior das provincias da Coruña ou de Pontevedra espertaron con temperaturas baixo cero e con nevaradas

A neve viuse tamén en Santiago, aínda que non chegou a callar porque viña con moita auga 

G24.gal 26/03/2024 14:07 Última actualización 26/03/2024 16:39

Ás portas de abril volvemos de cabeza ao inverno. Esta foi unha noite moi fría, que mesmo trouxo de volta a neve. Xaneiro regresou en marzo. Hai quen xa non contaba mirando o tempo que tivemos a semana pasada.  

"De manga curta e, mira agora, abrigados ata as orellas".

Pero a xente da montaña xa sabe do cambiante do tempo primaveral e avisou o panadeiro de que hoxe ía ter o repartimento baixo folerpas. 

"Xa mo dixeron onte os veciños, que saben máis do tema".

Acerto de cheo das previsións do tempo, pero tamén algún turista desprevido.

 "Sabiamos que podía pasar, pero non seguro. A verdade é que estamos encantados".

"Está difícil. Sempre sae na tele que aquí neva, pero a verdade é que non contábamos con ela e non vimos preparados".

Ao mal tempo, boa cara

 "En Vigo non neva nunca, así que imos deixar que os nenos gocen".

Aos peregrinos non os incomoda a neve. Ao contrario. 

"Encantados, é a primeira vez que vexo neve". "Cando comezas a camiñar xa sobra a roupa".

As temperaturas baixas aínda nos acompañarán uns días. A primavera é unha estación inestable por natureza. Regresarán, é de esperar, días de sol e calor. Pero de aquí a xuño aínda queda posibilidade dalgunha outra nevarada. Non sería a primeira vez.

Neve en Pontevedra

Puidemos ver neve non só na montaña de Lugo, senón tamén en lugares onde é máis difícil ver nevar en plena primavera. O interior das provincias da Coruña ou de Pontevedra espertaron hoxe con temperaturas baixo cero e con nevaradas.

Foron moitos os puntos de Galicia que espertaron baixo un fino manto branco coma aquí, neste alto do Faro, onde estamos a tan só un grao. Algunhas folerpas cubriron o interior da provincia de Pontevedra, A Coruña e, por suposto, Ourense.

Esta noite a cota baixou aos 500 metros. Aquí atopamos máis folerpas, estamos preto deses mil metros, pero a cota irá baixando nas vindeiras horas. Confrades e turistas están moi pendentes do ceo, achéganse os días festivos e si podemos dicir que os amantes da neve non atoparán ese manto branco, porque hoxe entran ventos do suroeste. O Xoves e Venres Santo a neve substituirase por chuvia debido á borrasca que está instalada en Irlanda. 

Volta ao inverno no interior da provincia de Pontevedra logo dunha fin de semana en que as praias recibiron os primeiros bañistas da primavera. A cota de neve baixou ata os cincocentos metros e deixou imaxes de paisaxes nevadas en concellos coma este da Lama.

"Hai moita neve, pero estaría ben que botase un pouco de sal, porque para os que traballamos na Xesta Seixido non hai quen pase, pero está lindo".

Na maior parte do interior da provincia a neve diluíuse co paso das horas, e xa non está previsto que neve por debaixo dos mil douscentos metros de altitude. Hostaleiros do interior cruzan os dedos para que haxa abundantes nevaradas.

"Penso que se presenta ben o tema. Oxalá nevase moito para que viñesen os papás cos nenos ver a neve".

As temperaturas seguen a ser baixas, con dous graos a media mañá en zonas montañosas. Unha situación de frío e neve no interior que se manterá polo menos ata o venres, en que semella que as chuvias, malia que abundantes, non o serán tanto como nas primeiras previsións para a Semana Santa para a provincia de Pontevedra. 

Neve na Coruña

Así amencía hoxe no interior da provincia da Coruña. A auga neve sorprendeu os condutores que a primeira hora da mañá circulaban pola AC-230 á altura de Montesalgueiro. 

"Si, e onte á noite tamén... de feito as montañas están nevadas".
 

Porque co paso das horas os termómetros apenas conseguiron superar os tres graos de temperatura, deixando imaxes coma estas, máis típicas do inverno que da primavera, e sobre todo despois dos valores que tivemos estes últimos días. 

"A semana pasada estabamos sobre 20 graos e hoxe un, dous... mira a diferenza!" 
 

Contrastes que fan que sexan poucos os que hoxe se aventuran a saír á rúa. E os que o fan, por exemplo, aquí en Sobrado dos Monxes, ben preparados para o frío. 

"Dende onte xa está facendo fresquiño... e hoxe máis, ata nevou, pero non callou".

E as previsións falan de que o tempo frío aínda se vai manter durante os próximos días.

A neve tamén chegaba tamén a Santiago. Esta era a imaxe dos exteriores dos estudios da TVG en San Marcos. A neve non chegou a callar porque viña moi mesturada con auga e non durou moito no tempo. Iso si, durou o suficiente como para que moitos as captasen nas súas cámaras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos