Publicador de contidos
Publicador de contidos

Renta 4 Galicia descarta unha opa hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell

Renta 4 Galicia descarta unha opa hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell

O analista de Renta 4 Galicia Francisco José González cre que "as dúas entidades terán que deixar o asunto despexado" sobre as posibilidades de fusión

Considera que o BBVA pretende "gañar tamaño" para achegarse ao potencial do Banco Santander

Ve "sede de concentración no sector bancario español" e di que "seguramente" haberá próximas fusións transfronteirizas entre entidades europeas

G24.gal 08/05/2024 10:28 Última actualización 08/05/2024 10:43

O analista de Renta 4 Galicia Francisco José González considera que o BBVA "non vai presentar unha opa hostil" para facerse co Banco Sabadell, despois de que a entidade catalá rexeitara a oferta de fusión do grupo vasco. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

Neste senso, explica que "é a segunda vez que se encontra o BBVA cun segundo rexeitamento e creo que non vai intentar facer as cousas ás malas. Intentará por todos os medios chegar a un acordo co Consello de Administración do Sabadell e se, definitivamente, deixa algunha posibilidade a que haxa unha fusión, non pensamos que haxa unha opa hostil".

Á marxe dos próximos acontecementos en relación con esta operación, Francisco José González pensa que "as dúas entidades terán que deixar o asunto despexado porque por parte do Sabadell indicaban que non estaban para nada dispostos a aceptar esa oferta, que lles parecía insuficiente".

O analista de Renta 4 Galicia afirma que "o BBVA está intentando gañar tamaño e irse achegando ao tamaño do Banco Santander. Intentouno xa en varias ocasións. Esta é a segunda e imos ver se, ao final, sae adiante. Interésalle, sobre todo, porque se convertería nunha entidade moi potente, por riba dun billón de euros de activos e aumentaría a cota de mercado. No mercado español pasaría dun 15 a un 20 % coa suma das dúas entidades".

Renta 4 Galicia: "Hai sede de concentración no sector bancario español".

As accións do Sabadell acumulan no que vai de ano unha revalorización do 70 %. Francisco José González sinala que detrás destes avances están "os bos resultados obtidos no 2023 polo Sabadell, acumulados aos resultados do primeiro trimestre. Despois todo o sector bancario tivo moi bo comportamento no último ano, con subas moi destacadas, tanto o BBVA coma o Santander, e todo o sector bancario europeo". 

Como consecuencia da suba dos tipos de xuro desde xullo de 2022 e das marxes de beneficio que iso supón para as entidades, vaticina que "o sector vai ter moi bos resultados neste ano 2024 e, probablemente, no 2025. No comunicado (do Banco Sabadell) aproveitaba que rexeitaba a oferta e estimaba que no ano 2024 e no 2025 ía dar un gran dividendo aos seus accionistas, arredor de 2.400 millóns de euros, e iso implicaba un dividendo de 44 céntimos por acción. Que era capaz de xerar unha mellora [do dividendo] aos seus accionistas sen ter que aceptar a oferta (do BBVA)".

Sobre a posibilidade de que o BBVA lance ofertas a outras entidades se fracasa a do Sabadell, o analista de Renta 4 Galicia avisa de que "non sabemos agora mesmo por onde irán os tiros, pero o que si está claro é que hai sede de concentración no sector bancario español" e di que "seguramente" poida haber no futuro fusións transfronteirizas entre entidades europeas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar