Resaca na Coruña tras o regreso do Deportivo ao fútbol profesional
Resaca na Coruña tras o regreso do Deportivo ao fútbol profesional
O 25 de maio os xogadores darán un baño de masas en Catro Camiños
Con alegría e satisfacción espertou A Coruña: "Moi contentos. Foi unha locura". "Levabamos xa catro anos sufrindo, sen ascensos... Así que moi contentos".
Foron moitas horas de troula as vividas na cidade herculina: "Foi un día moi longo porque a festa xa empezou pola mañá", "Foi unha locura: moita xente, berros, alegría...", declaracións que sen dúbida amosan o estado de ánimo do deportivismo.
E a primeira hora aínda quedaba algún que ía atrasado: "Eu cando baixaba a traballar, pola rolda de Nelle, había xente que se vía que aínda non foran durmir".
E como di o refrán... Noites alegres, mañanciñas tristes: "Estamos moi contentos, pero moi cansos", perfecto resumo do contraste de sensacións que supón un ascenso. Algúns nin tempo tiveron para durmir. Tres mozos, tras a festa e coller forzas, tiñan que ir facer un exame, algo que non lles causa ningún arrepentimento: "Pero pagou a pena porque o exame pode repetirse, no caso de que saia mal".
Mentres, os xogadores e o equipo técnico do Deportivo participaban nun acto institucional. "Estamos todos moi contentos, pero tamén sufrimos cando as cousas non ían ben", di Lucas Pérez, o xogador que marcou o gol que devolveu o equipo ao fútbol profesional.
E aínda queda troula por diante porque o sábado 25 de maio, os xogadores do Deportivo, celebrarán o seu ascenso dando un baño de masas na fonte de Catro Camiños.