Rescatan catro persoas, entre elas un neno, atrapadas nuns ascensores en Lugo
Rescatan catro persoas, entre elas un neno, atrapadas nuns ascensores en Lugo
Unha avaría no transformador das vivendas do Castiñeiro deixou sen luz 200 familias
Unha nova avaría no transformador que lles dá servizo a catro bloques de vivendas do Castiñeiro, en Lugo, deixou sen luz unhas 200 familias. O apagamento durou unha hora, tempo en que foi preciso rescatar ata catro persoas, entre elas un neno, que quedaran encerradas nos ascensores.
Verónica Ramos, presidenta da comunidade de veciños do edificio Teixo, asegura que "perdemos a conta das veces que quedamos sen luz. Viñeron de Begasa devolvela, volveuse ir e quedaron varias persoas atrapadas no ascensor. Entre elas un neno pequeno, soíño, que ía para o cole".
Dende o Movemento veciñal do Castiñeiro. Moncho Parga explica que ao coincidir "co horario de almorzo dos nenos para ir para o colexio, un deles quedou encerrado. Tiveron que sacalo entre os veciños e os técnicos dos ascensores. O neno pasouno moi mal".
O apagamento produciuse, unha vez máis, ao deixar de funcionar a bomba que expulsa a auga do transformador da luz. Ante as reiteradas avarías, a veciñanza deste bloques do Castiñeiro demanda que se tomen medidas.
Entre elas, reclaman que se realice a obra necesaria para sacar unha tubaxe coa que poder expulsar a auga da instalación que lles subministra a corrente eléctrica. "Vaise a luz acotío ao se anegar o transformador. Dende que se fixo o aparcadoiro disuasorio, por aí pasa moita maquinaria pesada, polo que se obstrúen as tubaxes. E a auga busca por onde saír", asegura a presidenta da comunidade de veciños do edificio Teixo.
Ademais, nun dos catro edificios afectados levan meses sen poder usar as tres plantas do seu garaxe debido a que o ascensor non funciona por mor das filtracións de auga.