Rescatan dúas persoas do mar, en Valdoviño, unha con hipotermia severa
Rescatan dúas persoas do mar, en Valdoviño, unha con hipotermia severa
Levan 19 rescates no que vai de verán
O que parecía unha tarde solleira e tranquila de domingo, puido rematar en traxedia. Pouco antes das seis da tarde, tres bañistas que estaban na auga víronse en apuros.
Un deles conseguiu chegar á area, pero os outros dous, irmáns, da comarca de Ferrolterra, malia que levan arredor dunha década vivindo en Madrid, levounos a corrente.
"Fixemos unha primeira entrada e puidemos sacar un deles. Estaba en estado de choque porque pensaba que o seu irmán ía morrer", explica Pepe Agulló, o coordinador xefe das praias de Valdoviño.
Mentres, outra parella de socorristas facían de boia para que o outro irmán non afundise ata que chegou a remuda.
"Foron 35 ou 40 minutos moi complicados. El loitou moito por sobrevivir, pero estaba con síntomas de hipotermia severa e hipoglicemia".
Unha ambulancia medicalizada trasladouno ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde segue ingresado na UCI.