Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan o tripulante dun veleiro cunha vía de auga que encallou en cabo Touriñán

Rescatan o tripulante dun veleiro cunha vía de auga que encallou en cabo Touriñán

O operativo desenvolveuse de madrudaga, en condicións de mala mar e coa única visibilidade que daban os focos do helicóptero de rescate Helimer

(Salvamento Marítimo)
EP 07/06/2024 12:48 Última actualización 07/06/2024 14:46

Os servizos de Emerxencias rescataron ao tripulante dun veleiro que sufriu unha vía de auga e encallou en cabo Touriñán, e que saltara ao mar tras o accidente.

Segundo informou do CIAE 112 Galicia, o incidente ocorreu pouco antes das 2:00 horas da madrugada, cando Salvamento Marítimo contactou con Emerxencias para alertar de que un veleiro estaba encallado en cabo Touriñán cunha persoa a bordo.

O 112 informou a Urxencias Sanitarias, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil e agrupación de voluntarios de Protección Civil de Muxía. Así mesmo, desde Salvamento Marítimo informouse de que estaban mobilizados o helicóptero de rescate Helimer, e a embarcación Salvamar Altair.

Precisamente, pouco despois Salvamento Marítimo confirmou que o tripulante lanzárase ao mar, desde onde foi rescatado pola Salvamar Altair, que o trasladou ao porto de Camariñas. Unha vez en terra foi atendido por persoal sanitario e, aínda que aparentemente estaba en bo estado, foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Cee.

"Xa na zona, as condicións eran moi adversas, a visibilidade era nula e había forte vento do nordés. Pero conseguiron que o home saltara á auga de xeito seguro, lanzouse polos seus propios medios e foron seguindoo co foco do helicóptero ata que o subiron á Salvamar Altair", explica Manuel Capeáns, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Fisterra.

O CCS Fisterra recibiu sobre as 1:30 horas da madrugada a alerta do veleiro, informando de que embarrancara nas pedras nunha zona próxima a un cantil en cabo Touriñán. Ao encallar produciuse unha vía de auga na embarcación, polo que Salvamanto mobilizou de inmediato a Salvamar Altair e o Helimer.

Os efectivos de rescate tiveron que facer fronte a ventos moi fortes do nordeste, e ao chegar á zona comprobaron que o Sirina estaba encaixado nunha zona do cantil, e o seu tripulante na zona de popa, en aparente bo estado.

A Salvamar Altair tentou remolcalo, pero a manobra era arriscada, xa que había dous baixos nas proximidades do veleiro. Sobre as 2:30 horas comezou a afundirse e o tripulante lanzouse ao mar, desde onde foi rescatado pola embarcación de Salvamento, con apoio do Helimer que iluminou a manobra co seu foco. 

Pasadas as tres, o náufrago desembarcaba en Camariñas, esgotado e con frío, pero en bo estado. Porén foi trasladado en ambulancia ao hospital de Cee.

O seu barco non tivo a mesma sorte. O vento do nordés e os baixos de rochas impediron o seu remolque. Esta mañá só quedaban á vista os restos do mastro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade