Rescatan un home en Cervantes tras quedar atrapado debaixo dunha árbore
Rescatan un home en Cervantes tras quedar atrapado debaixo dunha árbore
O suceso produciuse nunha zona de difícil acceso, mentres a vítima realizaba tarefas de poda cunha motoserra
O home foi evacuado en estado grave e trasladado ao HULA
Rescatado un home no concello lugués de Cervantes tras quedar atrapado baixo as pólas dunha árbore. O home, duns 70 anos, estaba realizando traballos de corta cando sufriu o incidente. Segundo relatou, cortou varias ramas dunha unha árbore cunha motoserra, e estas caéronlle sobre unha perna, deixándoo inmóbil.
Aconteceu no lugar de Noudelo, na parroquia de Donís, nunha zona escarpada de difícil acceso. Ata o lugar desprazouse un amplo operativo formado por 50 persoas, entre bombeiros, sanitarios, axentes da Garda Civil e veciños.
Para chegar ata o lugar onde estaba atrapado o home os equipos de rescate tiveron que percorrer uns dous quilómetros para salvar un desnivel duns 200 metros. Alí atoparon o ferido, que foi atendido por persoal sanitario no mesmo lugar, mentes os bombeiros se encargaban de sacalo de debaixo da árbore.
Finalmente o home foi liberado e evacuado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). O seu estado é grave.