Rescatan un home que caeu dunha altura duns 9 metros mentres practicaba escalada en Noia
Rescatan un home que caeu dunha altura duns 9 metros mentres practicaba escalada en Noia
No momento do rescate estaba consciente e as súas feridas non parecían ser graves
O lugar do accidente era unha zona de moi difícil acceso na beira do río Tambre
Aconteceu na tarde deste mércores. Mentres practicaba escalada cun grupo nunha parede situada nunha ladeira do monte, á beira do río Tambre ao seu paso por Noia. O lugar forma parte dunha ruta moi transitada por sendeiristas. De difícil acceso, porén, para os servizos de emerxencia, que tiveron que ir a pé máis de 1 km, desde a central hidráulica do Tambre ata o lugar do accidente.
Tamén un helicóptero do O61 se achegou ao lugar, pero finalmente non foi necesario que interviñera. O home, de 36 anos e veciño de Santiago, caeu dunha altura duns 9 metros sen que, segundo parece, ninguén se explique o que aconteceu. No momento do rescate estaba consciente e non parecía que tivera lesións graves.
Inmediatamente despois foi inmobilizado e trasladado en padiola ese quilómetro de camiño, por onde os vehículos non puideron transitar, para ser atendido por fin na ambulancia que o trasladou ao hospital. Foi o punto e final dun rescate perigoso que durou case dúas horas polo complicado acceso ao lugar.