Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan un peregrino de 21 anos do mar en Fisterra

Rescatan un peregrino de 21 anos do mar en Fisterra

Foi necesario empregar un helicópero debido á forza do mar e o lugar onde estaba

O mozo permanece ingresado na UCI do CHUAC, onde se atopa estable

Imaxes do rescate na praia de Mar de Fóra, en Fisterra
G24.gal 16/05/2024 16:03 Última actualización 16/05/2024 19:37

Un peregrino norteamericano de 21 anos foi rescatado a última hora deste mércores na praia do Mar de Fóra, en Fisterra. Tras o rescate foi ingresado na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde se atopa estable dentro da gravidade.

Os feitos producíronse sobre as 20:30 horas da tarde, cando varios particulares viron a un home no mar que tiña dificultades para regresar ao areal, debido á forte marusía.

Dada a situación, alertaron ao 112 Galicia, que pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil da Coruña, Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. 

Un dos particulares presente conta que o viu nun "momento de tensión" e que cando chegou xunto ao resto, pensou "que a persoa estaba morta, xa que non reaccionaba e tiña os ollos brancos". Mentres que un dos traballadores de protección civil que participaron explicou que foi un "rescate bastante complicado pola situación de mar e polo lugar onde estaba, porque el estaba metido nun retorta que hai nas pedras".

Aínda que sufriu mazaduras, posto que a forza do mar fixo que se golpease contra as pedras, conseguiu achegarse a unhas rochas polos seus propios medios e, coa axuda de varias persoas, saír da auga. O implicado, que tiña hipotermia, atopábase semiinconsciente e nunha zona de difícil acceso, polo que Salvamento Marítimo mobilizou un helicóptero que permitiu rescatalo.

Así, foi trasladado ata o aeroporto de Alvedro, onde esperaba unha ambulancia de Urxencias Sanitarias que o trasladou ao centro sanitario. Salvamento Marítimo tamén se fixo feito do rescate nas súas redes sociais, no que incide na importancia de dar a voz de alerta a tempo en situacións deste tipo.

Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que o home, estranxeiro, permanece ingresado en coidados intensivos do hospital coruñés, onde foi trasladado na pasada xornada despois do seu rescate nesta praia de Fisterra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade