Rescatan unha nena na praia das Catedrais que quedou atrapada nun cantil a 25 metros de altura
Rescatan unha nena na praia das Catedrais que quedou atrapada nun cantil a 25 metros de altura
A rapaza cando estaba a poucos metros do cumio quedou bloqueada sen poder avanzar
Un bombeiro asegurado por un arnés e apoiado por dous compañeiros logrou chegar a ela e rescatala
Unha excursión familiar que puido acabar en traxedia. A nena visitaba o areal xunto o seu irmán e os seus pais. Nun descoido destes ela comezou a gabear por este cantil. Subiu uns 25 metros e cando estaba case no cumio quedou bloqueada sen poder avanzar.
"Non era capaz de volver baixar por onde subiu e o problema arriba era que había moita maleza e ela estaba descalza, polo que tampouco podía saír", explica Luis Hernández, bombeiro do parque de Barreiros.
Axudado por un arnés, un dos bombeiros descendeu ata ela apoiado por outros dous compañeiros.
"Accedemos desde arriba, asegurámonos con corda e arnés, collémola e sacámola por arriba. A nena estaba tranquila, colaborou con nós", engade o bombeiro, Luis Hernández.
Gabear polos cantís ou entrar nas covas son algunhas das prohibicións das que se informa na entrada do areal, pero non sempre se respectan.
"Eu creo que non len", di un turista, outro engade: "Nós lemos o panel, pero non vimos o das covas", e un terceiro comenta: "Quen busca o perigo, búscao só".
A praia está para gozar, pero con sentidiño.
"Saben que está prohibido, non poden levar pedras non poden subir as rochas nin meterse nas covas", a que fala é unha mestra que acompañaba un grupo de escolares de excursión.
Está vez todo quedou nun susto. A nena non sufriu dano ningún polo que necesitou asistencia médica.