Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cabanas restrinxe o consumo de auga

Cabanas restrinxe o consumo de auga

O bando municipal prohibe encher piscinas, regas e obriga a pechar as duchas da praia 

G24.gal 04/08/2022 14:07

Estas restricións van gañando terreo. Xa non afectan só a concellos do interior ou do sur de Galicia. As últimas anunciounas o concello costeiro de Cabanas, en plenas Rías Altas. De momento as restricións limítanse a controlar o consumo de auga potable con medidas que prohiben o seu uso para o enchido de piscinas ou regado de leiras e xardíns. Tamén para limpeza de fachadas ou vehículos.

Racionarase, asegura o bando municipal, o seu uso nas duchas das praias ou fontes públicas. As duchas da praia da Madalena de feito xa non botan auga. Son medidas, sen dúbida, significativas sobre todo por ser nunha comarca, a de Ferrolterra, de ría, coas fragas do Eume a un paso onde a escaseza de auga é algo certamente insólito.

O Concello vixiará tamén que as empresas minimicen o consumo e fagan un uso razoable do abastecemento tendo en conta que a prioridade é o uso cotián da veciñanza.

A maioría entende a situación. A densidade de poboación no verán neste municipio medra de xeito exponencial e está a ser ademais un especialmente cálido e con pouca chuvia. Así que tamén na costa do norte de Galicia hai que coidar dese prezado elemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade