Restablecida a subministración eléctrica no 94 % dos puntos afectados
Restablecida a subministración eléctrica no 94 % dos puntos afectados
Recupéranse a metade das 550.000 liñas telefónicas cortadas e instálanse equipos portátiles de conexión wifi
Retiráronse máis de 2.000 vehículos danados e "centos de toneladas" de entullos e lodo das estradas
Restrinxida a circulación nas principais vías danadas polos asolagamentos ata última hora do domingo
O Diari Oficial da Generalitat (DOGV) publica a orde pola que, desde as 00:00 horas deste sábado e ata as 23:59 horas do domingo, se restrinxe a circulación de vehículos nas estradas de acceso aos municipios da provincia de Valencia máis afectados pola DINA.
O obxectivo da medida é garantir a mobilidade de todos os servizos esenciais e complementarios de intervención, das empresas responsables de garantir a subministración dos servizos básicos de auga, enerxía e comunicacións, de limpeza e de distribución de alimentos.
As únicas excepcións que indica a orde da Consellería de Xustiza e Interior son para a asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios, o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais e o retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
Tamén para a asistencia e coidado a persoas maiores, menores, dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables; actuacións requiridas ou urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais; por causa de forza maior ou situación de necesidade.
Vías afectadas
As vías estatais afectadas son os accesos e saídas aos municipios desde e cara á V-31 na súa totalidade, excepto a entrada á cidade de Valencia, e os accesos e saídas aos municipios desde o quilómetro 0 (porto) da V-30 ao quilómetro 9 (accesos á A3), en ambos os dous sentidos.
As estradas de competencia autonómica son a CV-33, Albal-Torrent; a CV-36, Valencia- by pass; a CV-366, acceso sur Torrent; a CV-400, Valencia Albal; a CV-403, Xirivella-Torrent; a CV-407, Picaña-Sedaví; e a CV-410, Alaquás-"Bonaire".
A orde pola que se adoptan medidas temporais e excepcionais como consecuencia do temporal de choiva e vento iniciado o 29 de outubro de 2024 na Comunidade Valenciana sinala que "a limitación resulta proporcional á finalidade perseguida".
"Posto que a medida adoptada é a menos prexudicial para os dereitos de terceiros, non se prolonga especialmente no tempo e é a única que se pode adoptar para alcanzar a finalidade perseguida", indica o texto.
Segundo explica, a comunidade "está a verse afectada por unha DINA dunha intensidade e consecuencias tanto en vidas humanas como en danos ás infraestruturas sen precedentes".
"É fundamental garantir que todos os recursos que están a actuar coordinadamente desde o inicio, das diferentes administracións públicas, así como de empresas e outros sectores, que están a traballar, non só para asistir ás persoas afectadas, senón tamén para recuperar o máis axiña posible os servizos básicos, poidan exercer a súa tarefa con seguridade e efectividade, sendo necesario para iso fundamental garantir a súa mobilidade dando carácter prioritario sobre calquera outro usuario da rede viaria e de transporte da Comunitat Valenciana", afirma.
Circulación ferroviaria
A circulación ferroviaria entre Barcelona e Valencia restableceuse en parte este sábado, do mesmo xeito que a das liñas de proximidade C5 e C6, segundo informou o xestor da infraestrutura ferroviaria, Adif, a través da súa conta de X.
Renfe e Adif informaron da posta en marcha de dúas das liñas de proximidade da zona para desprazamentos imprescindibles, con 17 trens por sentido na C6 e 3 por sentido na C5, e a circulación limitada dos trens Euromed entre Barcelona e Valencia.
Tamén quedou restablecida a circulación da liña Valencia-Sagunto-Teruel para trens de mercadorías, materiais baleiros e de infraestrutura, e a que une Valencia e Tarragona con limitacións de velocidade en puntos de risco.
Polo que respecta á conexión de alta velocidade entre Madrid e Valencia, o ministro de Transportes, Óscar Puente, agarda que estea operativa en dúas semanas.
Subministración eléctrica
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este sábado que xa se restableceron o 94 % dos puntos de subministración eléctrica afectados pola DINA e se recuperaron a metade das 550.000 liñas telefónicas cortadas.
Segundo detallou nunha comparecencia dende o pazo da Moncloa, tamén se instalaron equipos portátiles para ofrecer conexión wifi e cobertura nas zonas que permanecen incomunicadas.
Estradas
Ata o momento, retiráronse máis de 2.000 coches e camións danados e "centos de toneladas" de entullos e lodo, o que permitiu recuperar o tráfico na V30 e V31 do corredor mediterráneo e a circulación de emerxencias na A3 entre Conca e Valencia.
Ademais, desprazáronse 300 especialistas da Dirección Xeral de Estradas e iniciáronse os labores de limpeza de túneles, construción de desvíos provisionais e reparación de viadutos e pontes.
Auga e latrinas portátiles
Así mesmo, Sánchez asegurou que se adoptaron medidas para facilitar a chegada e distribución de alimentos e bens de primeira necesidade á poboación, como o levantamento das restricións aos tempos de condución e descanso dos transportistas.
Estas medidas implican a repartición de miles de litros de auga embotellada e racións de alimento, á vez que se puxo ao dispor da Generalitat Valenciana cinco plantas potabilizadoras, depósitos de auga, 200 latrinas portátiles e 4.000 lotes de cociña e hixiene.
Tamén se despregaron brigadas forestais para colaborar na limpeza de leitos e ribeiras e axudar a reparar as infraestruturas hídricas danadas, cun total de 300 efectivos ao longo da fin de semana.
Perdas incalculables
As perdas materiais son incalculables. Na zona cero os máis afortunados son os que conservan a casa en pé e só perderon o contido. Outros quedaron sen vivenda, sen negocio...
"Non teño nada. Perdino todo: neveira, lavadora, mobles..., e podo dar grazas de que teño a parte de arriba e puidemos durmir quentiños", afirma unha afectada.
Concellos como o valenciano de Chiva, que este venres reclamaba comida e auga, agradecía a resposta recibida. Arestora teñen víveres, aínda que van seguir precisando auga.
A alcaldesa pedía que non se achegasen máis voluntarios porque o número era xa imposible de xestionar e falaba de sentimentos mesturados.
"Tristeza porque quedamos sen a localidade pero por outra parte ves a resposta por parte de todo o mundo", resume Amparo Fort.
Na atención dos superviventes, os esforzos céntranse en que as subministracións básicas e os servizos esenciais cheguen a todos.