Restrinxido o consumo de auga da billa na Rúa ao detectarse un gromo de gastroenterite
Restrinxido o consumo de auga da billa na Rúa ao detectarse un gromo de gastroenterite
Non se poderá utilizar a auga da billa nin para a súa inxesta nin para a preparación de alimentos nin para a hixiene bucodental
A contaminación afectou á poboación das tres cuartas partes da vila que teñen a mesma rede de subministración
Varios veciños tiveron que ser hospitalizados pola afección estomacal
Segundo informou a alcaldesa María González Albert, de forma simultánea á aparición dos síntomas nos veciños, detectouse nun depósito secundario da rede de abastecemento do concello ourensán da Rúa a presenza de contaminación no marco das analíticas habituais que se fan.
Sanidade informou de que se detectou contaminación microbiolóxica por presenza de coliformes e E. Coli. Por este motivo haberá restricións de uso mentres non se leve a cabo a limpeza e desinfección do depósito afectado, da rede de abastecemento, e se verifíque, mediante análises que a situación volve á normalidade.
A Consellería de Sanidade trasladou ao Consistorio que, mentres non se rexistren os valores adecuados para o consumo, non se poderá utilizar a auga da billa nin para a súa inxestión nin para a preparación de alimentos nin para a hixiene bucodental. Si que poderá seguirse empregando para a hixiene persoal e para a limpeza doméstica.
Pola súa banda, a rexedora informou de que xa se están levando a cabo as tarefas de limpeza e de que a auga que baixa "empeza a estar ben", aínda que haberá que esperar os resultados das análises para que se poida retomar o consumo da auga da billa.
Conforme indicou, este episodio de contaminación afectou á poboación de tres cuartas partes da localidade, non chegou aos veciños da Rúa Vella, que teñen unha rede de subministración distinta.