Resultado económico do Hub Audiovisual da Industria Cultural de Galicia, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Resultado económico do Hub Audiovisual da Industria Cultural de Galicia, por Maite Cancelo
Este martes presentouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela un importante e interesante estudo realizado polas profesoras María Bastida e Marisa del Río e o profesor Miguel Ángel Vázquez Taín que avalía o impacto dos Fondos Next Generation na industria cultural e creativa en Galicia encargado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Pero antes de entrar nos resultados da avaliación, podemos falar de que son estes fondos, a que se dirixiron e cales son as súas características ou a súa importancia na economía galega.
O Hub Audiovisual da Industria Cultural púxose en marcha grazas ao financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da Xunta de Galicia, que deseñou diferentes instrumentos para revitalizar e consolidar as industrias creativas de Galicia, das máis danadas pola crise da covid-19. O proxecto tivo como finalidade potenciar a produción de contidos, o emprego, a proxección internacional e a competitividade destas empresas.
O proxecto naceu con vocación de ser transversal, participativo e dinámico (isto último moi relevante no sentido de poder cambiar o destino das subvencións en función das solicitudes e da súa viabilidade) e tivo unha dotación orzamentaria de 9,6 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023.
Outra característica do proxecto é a súa dobre vertente, con resultados esperados a curto prazo, a partir dos aumentos do investimento no sector para compensar eses efectos adversos da crise da covid-19, pero tamén con outros a longo prazo que buscan o fortalecemento do talento, a consolidación e a competitividade das industrias culturais e creativas no futuro.
Algo especialmente relevante desta liña de subvencións foi, precisamente, a avaliación dos resultados que se obtiveron e que pasarei a resumir.
Das liñas de actuación, a porcentaxe de execución dos proxectos foi, de media, de máis do 90 %, 109 executados dos 121 concedidos, sendo os de maior éxito os de desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais.
Pero, se se analizan os resultados que se mostran no estudo, se as axudas concedidas foron de 7,3 millóns de euros, a actividade xerada foi de 28,5 millóns, polo que o multiplicador de actividade foi de case catro, ou, o que é o mesmo, por cada euro de axuda xeráronse catro euros de actividade económica no sector.
En termos de produción, a actividade xerada con estas axudas impactou no resto da economía galega cun incremento da produción total de 32,3 millóns de euros e a xeración duns 777 postos de traballo equivalentes a tempo completo. Ademais, a taxa de retorno para as administracións públicas (a través das cotas da seguridade social e impostos) foi do 119 % e o retorno a Galicia de case o 22 %, polo que isto, por si só, xa xustifica o investimento.
As conclusións finais centráronse na visión estratéxica á hora de deseñar as axudas, a súa eficacia e eficiencia, pero tamén na transparencia, xa que máis aló dos resultados comentados o que hai que resaltar é como AGADIC recorre á Universidade de Santiago de Compostela para que fiscalice os resultados dos seus programas, algo que é fundamental á hora de deseñar as políticas públicas de cara aos os vindeiros anos.