Publicador de contidos
Publicador de contidos

Retirada contra o reloxo da lama ante a chegada doutra DINA con oito comunidades en alerta

Retirada contra o reloxo da lama ante a chegada doutra DINA con oito comunidades en alerta

Suspendidas as clases en 40 concellos valencianos en previsión de forte chuvia

O balance oficial sobe ata os 215 falecidos e seguen desaparecidas 17 persoas

A Aemet activa o aviso vermello en Málaga, con suspensión de clases en varias comarcas e desaloxos en cinco concellos

Antón Montero 12/11/2024 20:34

En Paiporta conteñen esta noite a respiración. Despois de dúas semanas tentando recuperarse dos estragos da DINA, o aviso de nova chuvia torrencial colle a zona cero da catástrofe cos sumidoiros tupidos pola lama.

Durante todo o día os camións de bombeo e centos de mans afanáronse por desatascalos con calquera ferramenta ao seu alcance.

"Imos sacar barro do sumidoiro e cando saquemos o groso, vai vir un camión con auga a presión para desatascalo", explica un voluntario.

O acontecido o 29 de outubro reavivou o medo nos 78 municipios afectados. Desde este mércores, e ata novo aviso, as clases e as actividades deportivas están suspendidas en corenta concellos de Valencia e Alacante.

En Aldaia abastécense de sacos de area para impedir que volva rebordar o barranco da Saleta.

"Estamos poñendo como un muro de sacos para simular as comportas que arrincou a anterior riada", conta un operario do Concello.

Sucédense os consellos á poboación en temor de males maiores. A alcaldesa de Paiporta, Maribel Albalat, di que "advertiuse de que pode vir chuvia, que se fornezan do que necesiten para varios días e que teñan moita precaución. Despois do que nos pasou, todos están advertidos e imos pecar de prudentes".

Este mércores volverá a funcionar o 99 % da rede de trens de proximidade, e reabriron 139 dos 160 quilómetros de estradas danadas. E está a piques de volver a circularse pola A-7. Óscar Puente, ministro de Transportes, asegurou que "a nosa intención é abrila o xoves. Pero estamos a expensas da situación meteorolóxica". 

Tras analizar a dinámica das mareas, a busca de vítimas céntrase agora entre Gandía e Denia, ademais da Albufeira. O exército comezou a drenar o lago ata o mínimo ecolóxico para facilitar a localización de posibles cadáveres.

A cifra de vítimas subiu ata as 215, unha máis que onte. Hai 17 persoas desaparecidas. 

Oito comunidades, en alerta

Aínda sen recuperarse dos efectos das riadas en Valencia, a Aemet avisa da entrada dunha nova DINA que mantén oito comunidades do país en alerta. As precipitacións máis intensas afectan as illas Baleares, e mañá estenderanse a Cataluña e Valencia, pero a alerta chegará tamén á provincia de Málaga e Andalucía occidental. De feito Aemet activou xa o aviso vermello por fortes chuvias na provincia malagueña a partir das dez da mañá deste mércores, e tamén aviso laranxa para Granada.

Ante esta situación, a Xunta de Andalucía declarou en situación operativa 1 o Plan de Emerxencias ante o risco de inundacións por forte chuvia desde esta madrugada en zonas de Málaga e Granada.

O Goberno andaluz suspendeu as clases este mércores, desde Educación Infantil ata a Universidade, en 27 concellos de cinco comarcas malagueñas e tres municipios granadinos. Agárdanse máis de 100 litros por metro cadrado nas primeiras doce horas.

As clases suspéndense nas comarcas malagueñas de Antequera, Axarquía, Málaga capital, Costa do Sol e Guadalhorce. Ademais, nos municipios granadinos de Almuñécar, Motril e Albuñol, informou Emerxencias 112.

Tamén se van producir desaloxos na ribeira do Guadalhorce, nos municipios de Álora, Cártama, Alhaurín de la Torre, Pizarra e Málaga, que a semana pasada xa se viron afectados polo desbordamento do río. 

 

Este martes o temporal azouta as Illas Baleares con precipitacións intensas e localmente torrenciais, sobre todo en Mallorca e Pitiusas onde está activada a alerta naranxa. 

 No norte da Comunidade Valenciana e Cataluña poderían acumular ata cen litros por metro cadrado en doce horas. Nesta última supendéronse as clases e limitouse a mobilidade en cinco comarcas do sur de Tarragona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade