Retiran elementos dun inmoble abandonado en Betanzos ante o risco de derruba
Retiran elementos dun inmoble abandonado en Betanzos ante o risco de derruba
Os técnicos detectaron un empeoramento na fachada da vivenda, que está catalogada, e o Concello encargou os traballos de xeito urxente
Esta mañá os obreiros eliminaban a galería do segundo andar e outros elementos do número 31 da rúa Travesa, na zona histórica de Betanzos. "Había moio risco. De feito a galería, nada máis sacar a tea metálica, xa caeu", conta Agustín Vázquez, responsable de Tin Betanzos.
Uns traballos que foron encargados polo Concello de xeito urxente despois de informar da situación a Patrimonio, porque a vivenda está catalogada. "Xa o tiñan que facer antes. Esta casa é un perigo e calquera día acontecía un accidente", comentan os veciños.
As melloras obrigaron a cortar a rúa Travesa, unha das máis transitadas da zona histórica.
Sobre o edificio pesan varias ordes de execución decretadas pola Administración municipal. As últimas, deste verán, e nelas indicábanse varias actuacións de rehabilitación da fachada e cuberta ante a ameaza que suporía para a cidadanía.
"Pero nesta zona hai moitas así"; "É unha mágoa que deixen caer as casas así"; "E se os propietarios non teñen cartos para arranxar a casa?", eran as expresións que dominaban as conversas esta mañá.
O caso é que desde o 2017 foron 17 as vivendas da zona histórica rehabilitadas, convertendo Betanzos no segundo concello galego con máis inmobles adquiridos pola Xunta grazas ao programa Rexurbe.
Agora está previsto que os traballos rematen ao longo da tarde deste xoves e que daquela volvan abrir a rúa ao tráfico.