Retómase por terceiro día a busca do home desaparecido en Vilar de Barrio
Retómase por terceiro día a busca do home desaparecido en Vilar de Barrio
Delfín, de 81 anos e enfermo de alzhéimer, foi visto por última vez o sábado nas proximidades da súa vivenda
O operativo de procura para dar co octoxenario que leva desaparecido desde o sábado no municipio ourensán de Vilar de Barrio, prosegue na mañá deste luns, por agora sen éxito.
Contra as nove da mañá, por terceiro día consecutivo, púxose en marcha o dispositivo, coordinado pola Garda Civil, no que participan uns douscentos voluntarios, amais de membros de Protección Civil de varios concellos, bombeiros do distrito forestal e varias patrullas con cans do Servizo Cinolóxico da Benemérita.
Na busca tamén traballan os drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e un helicóptero da Garda Civil, aínda que o seus voos están condicionados polo tempo.
Os labores céntranse nas inmediacións do domicilio de Delfín, que así se chama o desaparecido. Nesa zona próxima á vivenda, nun cruzamento de estradas, é onde se viu por última vez o sábado a este home, de 81 anos e enfermo de alzhéimer.
Mentres tanto, hai indicios que apuntan ao río Arnoia, que pasa preto do domicilio do home, como posible paradoiro, despois de que un dos cans se achegase á auga en varias ocasións este domingo. Para tratar de buscar pistas nesa zona, este luns está previsto que mergulladores da Garda Civil se sumen ao operativo de busca.
Foi un dos familiares do octoxenario, veciño do lugar de Porto, o que deu a voz de alarma no mediodía do sábado e desde entón activouse un amplísimo operativo.