Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rexeitamento do Senado ao Obxectos de Estabilidade: un reto para o Goberno e as Comunidades Autónomas, por María Cadaval

OPINIÓN

Rexeitamento do Senado ao Obxectos de Estabilidade: un reto para o Goberno e as Comunidades Autónomas, por María Cadaval

G24.gal 13/02/2024 08:05

O Senado, con maioría absoluta do Partido Popular, rexeitou os obxectivos de estabilidade orzamentaria propostos polo Goberno para o período 2024-2026, o paso previo á elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2024. Esta decisión acompáñase cunha advertencia dos populares indicando que vetarán novamente os obxectivos do Goberno se non accede a negociar rebaixas fiscais.

Segundo a Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria, o Executivo ten de prazo un mes dende o rexeitamento do Senado para presentar unha nova proposta, un requisito que parece que vai cumprir este mesmo martes. Que sucederá se o Senado rexeita de novo a proposta do Goberno?

A resposta non é evidente nin parece haber acordo na interpretación da normativa vixente. O Goberno di contar cun informe avalado pola Avogacía do Estado que interpreta que no caso dunha segunda negativa por parte do Senado se entenden por cumpridas as exixencias legais e o Executivo podería elaborar os PXE2024 cos obxectivos remitidos a Bruxelas en abril, en vez dos novos que someteu a votación. Isto significaría que as comunidades autónomas, maioritariamente gobernadas polo PP, terían maiores restricións das que agora ou, o que é o mesmo, menor marxe para incorrer en déficit público, igual ca os concellos. Deste xeito, o déficit público para 2024 quedaría igualmente no limiar do 3 % do PIB, pero con equilibrio para as comunidades autónomas e concellos en lugar de poder incorrer nunha décima ou dúas de déficit, respectivamente, que considera na senda que vai aprobar.

Outras persoas expertas opinan que de acordo co artigo 29 da LOEPSF habería unha posibilidade de tomar como referencia non o Plan de Estabilidade senón o Plan Orzamentario que o Goberno remitiu en outono á Comisión Europea. A postura da maioría do Senado que exerce o veto defende que sen aprobación dos obxectivos de estabilidade non se poderá armar o orzamento de 2024.

En todo caso, esta situación supón un reto para as autonomías e as entidades locais, que xa confeccionaron os seus orzamentos cunha elevada incerteza, agudizada agora se continua a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado. A pesar disto contarán con recursos récord procedentes do sistema de financiamento autonómico, mais de 154.000 millóns de euros, un 15 % mais que o ano anterior, excluíndo os fondos europeos. Segundo os últimos datos de execución orzamentaria do Ministerio de Facenda, as autonomías rexistraron no 2023 un saldo negativo do 0,32 % do PIB, o que significa que diminuíu dende o 0,58 % en 2022. Excepto Cataluña, que aínda opera con orzamentos prorrogados, e Castela e León e Navarra, en proceso avanzado de aprobación, as demais comunidades contan con orzamentos para este ano, que seguirán desenvolvendo con normalidade.

Malia isto, cómpre recordar que acaban de aprobarse as novas regras fiscais, que entrarán en vigor no 2025, para o que o Executivo debe enviar a Bruxelas un plan de consolidación fiscal no mes de setembro de 2024 que considere axuste do 0,5 % do PIB, arredor de 6.000 millóns de euros en termos absolutos, para o que sería desexable que se aprobasen unhas contas públicas. No caso de que o Goberno non o consiga, os orzamentos xa prorrogados do 2023 seguirán sendo válidos, igual que sucedeu nos anos 2018 e 2021. A suba das pensións, os salarios públicos ou mesmo as entregas a conta das autonomías e entidades locais poden aprobarse vía decreto lei, mais non se poderán desenvolver novos proxectos de gasto, ao tempo que se dificulta a imaxe de solvencia que o país debe dar ante Europa e as condicións que impoñen as novas regras fiscais. España non debe demorar máis a redución da senda de déficit e débeda pública, até lograr unha marxe estrutural do 1,5 % do PIB, un obxectivo que se verá dificultado polo desafío que supón facer fronte ás cargas financeiras derivadas dos altos tipos de xuro. Canto máis tarde se empece, peor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade