Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ribera: "O peche das Pontes aprazarase se é útil para garantir o 100 % da electricidade"

Ribera: "O peche das Pontes aprazarase se é útil para garantir o 100 % da electricidade"

"Se Rede Eléctrica nos di que (...) é posible garantir o cen por cento da subministración sen mantela aberta, non ten sentido mantela aberta", defendeu a ministra de Transición Ecolóxica

G24.gal 13/07/2022 10:57 Última actualización 13/07/2022 16:00

O Goberno só prolongará a vida da central térmica das Pontes, en pleno proceso de peche, se Rede Eléctrica, como operador do sistema eléctrico, considera que, co escenario aberto por mor da invasión rusa de Ucraína, sería útil para garantir o 100 % da subministración.

"Por contra, se Rede Eléctrica nos di que nos seus escenarios, tal e como viña dicindo ata agora, é posible garantir o cento por cento da electricidade sen mantela aberta, non ten sentido mantela aberta", defendeu a ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera nunha entrevista con Onda Cero.

Nese sentido, descartou que o Goberno teña interese en prolongar a vida desta central, cuxo proceso de peche foi "enormemente complexo" e "intenso" durante o últimos catro anos, e atrasar así "un proceso que beneficia aos veciños da comarca".

Ademais, aínda se require de "máis recursos" para atopar alternativas laborais a empregos directos e indirectos e asegurar que as comarcas afectadas teñan alternativas industriais e económicas viables para fixar poboación.

Ribera explicou igualmente que manter aberta esta central de Endesa suporía "un incremento de custos", ter que garantir unha "dispoñibilidade que tería que ser pagada por todos nós" e a necesidade de "saír a buscar carbón, que nestes momentos tamén está extraordinariamente caro".

Con todo, "nun horizonte coma este, no que temos que reforzar os plans de continxencia, tal e como nos lembra a Unión Europea, é bo que o operador do sistema que vela por que poida responderse de forma anticipada a calquera escenario de risco valore se (...) as cousas cambiaron e ten que introducir algunha limitación adicional ao peche da central térmica das Pontes".

Se Rede Eléctrica considerase oportuno manter aberta a central, o Goberno tería que estudar "en que condicións e como se sufraga a súa dispoñibilidade", explicou a ministra. 

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, tamén se pronunciou hoxe sobre a posible continuidade da central. E fíxoo para pedirlle a Rede Eléctrica prudencia á hora de tomar decisións sobre a térmica en caso de que se produza o peor dos escenarios.

A Xunta pídelle ao Goberno transparencia. O vicepresidente Francisco Conde acusa o Goberno de dilatar o proceso e defendeu que a continuidade da térmica é a resposta ante as necesidades enerxéticas do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade