Publicador de contidos
Publicador de contidos

Roberto García: "Teñen que investir en facer cumprir a lei da cadea alimentaria"

Roberto García: "Teñen que investir en facer cumprir a lei da cadea alimentaria"

O secretario xeral de Unións Agrarias reclama a contratación de inspectores para controlar un pago xusto do prezo da carne

G24.gal 13/05/2023 11:17 Última actualización 13/05/2023 13:21

O secretario xeral de Unións Agrarias valora positivamente o paquete de medidas aprobado polo Goberno central esta semana para paliar os efectos da seca no sector primario. Porén, Roberto García considera que as axudas que inclúe non solucionan o problema da gandería galega.

"A axuda media que vai haber por gandería non chega aos 800 euros, polo tanto, é unha axuda que sendo importante no volume global do Estado, a un gandeiro galego non lle vai resolver o problema de cobrar o quilo de carne por baixo do que lle custa producilo".

Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, di que non se trata de aumentar as subvencións directas, senón de investir eses cartos en facer cumprir a lei da cadea alimentaria. 

"Preferimos que os invistan en poñer máis inspectores para facer cumprir a lei de cadea. Se pagar por debaixo dos 6,20 euros o quilo de carne é ilegal, preocúpanos que agora nin o Estado nin a comunidade autónoma teña aberto ningún expediente por incumprir a lei. Cremos que a nosa solución ten que vir porque aquilo que está pagando o consumidor nas carnicerías se reparta de xeito xusto e se cumpra a lei. Se a min producir un quilo de carne me custa 6,50-6,60 euros, que ninguén me poida pagar por baixo e se paga por baixo que haxa a sanción pertinente".

Consciente de que Galicia non ten un problema de seca nestes momentos, o líder sindical salienta outras medidas incluídas no decreto estatal.

"Cremos que é moi positivo que se poida subvencionar ata o 70 % do custo dos seguros das ganderías; que se resolva a xestión da PAC alongando o período de tramitación, porque había un gran problema neste sentido, e un aprazamento dos requisitos (...) para que ninguén quede sen cobrar as axudas europeas".

Porén, insiste na importancia de conseguir unha repartición transparente, entre todos os elos da cadea, do que paga o consumidor pola carne.

"Trátase, sobre todo, de velar por que se cumpra a lei. E a lei di que producir un quilo de carne, segundo os datos da Xunta de hai case un ano, custaba 6,20 e agora estase pagando entre 5,80 e 6 euros, vinte céntimos por baixo do que di o propio Goberno, polo que o normal é que houbese actuacións sancionadoras a ese incumprimento". 

Segundo Roberto García, pagar a carne por baixo dos custos de produción compromete a supervivencia de moitas explotacións. 

"O 90 % están por baixo do SMI, 1.000 euros, polo que vender a perdas supón o peche de moitas e a imposibilidade doutras que, próximas á xubilación, non topan remuda".

Ademais, salienta o papel que desempeñan estas granxas na prevención dos incendios forestais. Respecto á última tractorada en Lugo, pensa que o sector ten motivos suficientes para saír á rúa todos os días pero reitera a súa discrepancia respecto ás subvencións. 

"Nunca o presuposto público será suficiente para que pola vía das subvención solucionemos o problema. Eu creo que o gran problema no que temos que traballar é no fortalecemento desa lei de cadea e que pola vía do prezo que paga o consumidor se reparta de xeito xusto".

Pídelle ao Ministerio de Agricultura e á Xunta que destinen os cartos das axudas á contratación de inspectores e persoal funcionario para que se cumpra a lei e non a "subvencionar migallas aos gandeiros".

"Só pola vía da remuneración xusta do noso traballo poderemos topar unha solución a medio e longo prazo. O outro é pan para hoxe e fame para mañá. Cada vez que se crea unha axuda extraordinaria para o gandeiro inmediatamente en lugar de repercutir na mellora do prezo, o matadoiro, a sala de despezado ou a distribución deciden acurtarlle o prezo porque din que xa reciben cartos por outro lado. Máis inspeccións, máis control e que se cumpra a lei".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade