Robots para a horta e a viña demostran as súas capacidades en Lugo
Robots para a horta e a viña demostran as súas capacidades en Lugo
A Escola Politécnica acolle unha xornada sobre robótica agrícola, en auxe para tentar compensar a falta de man de obra
No marco dunha xornada dedicada á industria da agrorrobótica e aos seus avances, puidemos ver por primeira vez en Galicia as últimas innovacións deseñadas para a agricultura. Son, ademais, robots verdes.
"É robótica completamente eléctrica, que nos permite eliminar as emisións de CO2", di Josep Dalmases, da empresa AG Group.
Ted é un robot completamente autónomo, vai guiado cun GPS e evita o uso de herbicidas porque fai un control mecánico da vexetación do solo. Deseñado para traballar a viña, pode cubrir 5 hectáreas ao día e aliviar os problemas de man de obra no sector.
"Se teño unha plantación familiar con pouca extensión, non teño problema" di Javier Bueno, profesor da USC e coordinador da xornada de demostración. "Pero -aclara- se falo de moitas hectáreas, de plantacións onde preciso moita xente, xa está complicado".
Falta xente e toca tirar de enxeño, por iso a industria da robótica desenvolve cada vez máis innovacións para as explotacións agrícolas.
"Vímolo nas explotacións gandeiras, en labores de muxido" di Bueno; e agora "pasa o mesmo en cultivos agrícolas".
Por iso, explica, chegan a estes cultivos as primeiras solucións robotizadas para facer traballos tradicionais.
É a primeira vez que podemos ver robots coma estes en Galicia, pero xa traballan en medio cento de países.