Román Rodríguez: "Hai que axudar as persoas formadas a quedar en Galicia para poder estar na vangarda"
Román Rodríguez: "Hai que axudar as persoas formadas a quedar en Galicia para poder estar na vangarda"
Román Rodríguez: "Hai que axudar as persoas formadas a quedar en Galicia para poder estar na vangarda"
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades dixo que os resultados de aprobados da ABAU son bos datos para a educación galega
O sistema educativo galego ten unha oferta de 17.000 prazas de universidades e tamén unha ampla oferta na Formación Profesional, con 132 titulacións
O 95 % dos alumnos e alumnas galegas superou a avaliación do bacharelato para o acceso á universidade, ABAU, unha porcentaxe superior á do ano pasado. E para valorar estes resultados estivo no programa Bos días Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades.
"Son bos datos para todos os rapaces e rapazas que teñen que escoller o seu futuro", dixo.
O conselleiro lembrou que aínda está aberto o prazo de inscrición na Universidade e na FP e amosou a súa satisfacción polo sistema educativo galego. Afirmou que cada vez hai opcións máis amplas para escoller carreira, con novas titulacións de dobre grao, fronte a outras máis tradicionais como Medicina.
"A sociedade cambia constantemente, hai novos retos... Podemos pensar na dixitalización, na sustentabilidade... O sistema educativo debe axeitarse ás dinámicas sociais e económicas para darlles resposta. Hai carreiras que teñen unha gran demanda, como Medicina. Pero hai novidades, este ano, por exemplo, incorporamos seis novas titulacións. Unha de grao, Deseño, en Vigo, e cinco de posgrao", afirmou.
Rodríguez asegurou que as novas titulacións son o resultado do traballo de exploración das necesidades do mercado. Un mercado que cada vez se precisa dunha maior especialización e desenvolvemento tecnolóxico en moitas áreas e afirmou que hai que poder formarse hoxe nestas áreas para poder afrontar no futuro novos retos.
"Galicia ten unha oferta moi diversa que da resposta as necesidade da sociedade, dos sectores produtivos, das empresas, dos grandes servizos públicos que temos", asegurou.
Román Rodríguez dixo que hai unha repunta das carreiras de ciencias, coma matemáticas, física ou informática, que son as que requiren unha maior puntuación para entrar e as primeiras que se ocupan.
Un incremento das carreiras tecnolóxicas que vén dada pola dixitalización, a necesidade da xestión da información, a intelixencia artificial e a tecnificación da vida cotiá.
"Hai que axudar a que esas persoas formadas poidan quedar en Galicia para poder estar na vangarda nun contexto global de alta competitividade", subliñou.
A revolución silenciosa da FP
O conselleiro de Educación destacou o desenvolvemento que a Formación Profesional tivo en Galicia non 12 últimos anos, nos que experimentou unha gran revolución.
"Estaba nun contexto en que se perdían alumnos, en que as espectativas para acadar un emprego estaban no 30 %, e hoxe hai un incremento constante de alumnado, unha empregabilidade nos ciclos ordinarios dun 85 %, nos FP duais do 100 %, e gañou prestixio. Xera confianza nas empresas e é tremendamente útil", dixo.
Asegurou que a sociedade percibe a FP como un camiño para insertarse no mercado laboral dun xeito practicamente inmediato e que é froito dun traballo que mestura innovación, proxectos compartidos coas empresas, o emprendemento e a adaptación dos perfís educativos as necesidades profesionais.
Hai 132 titulación de sectores moi diversos coma mobilidade segura, electromedicina clínica, masters en robótica. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades di que abrangue moitos eidos para concentrar a diversidade e necesidade laboral que existe hoxe en día.