Rouban 170 quilos de peixe e marisco no mercado de Bueu valorados en 3.000 euros
Rouban 170 quilos de peixe e marisco no mercado de Bueu valorados en 3.000 euros
A pechadura da porta exterior da praza non estaba forzada
Para evitar novos roubos os comerciantes piden máis medidas de seguridade
A Fátima, vendedora na praza de abastos de Bueu, aínda lle custa crer o que pasou o sábado cando abriu a cámara frigorífica. As caixas de peixe e marisco que ela e outros dous comerciantes tiñan para vender desapareceran. En total 170 quilos, valorados en 3.000 euros.
A pechadura da porta exterior da praza non estaba forzada. Tampouco a da cámara de frío. As súas chaves están en mans de diferentes traballadores do mercado e a posibilidade de que fora alguén próximo é o que máis lles doe. Para evitar novos roubos os comerciantes piden máis medidas de seguridade coma a instalacións de cámara de seguridade, a entrada con sistema de pegada dactilar ou a limitación do número de chaves de acceso. Para falar destas posibilidades tiñan previsto reunirse co alcalde de Bueu, mentres a Garda Civil analiza a gravación das cámaras de locais próximos para dar cos autores do roubo.