Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban 200 metros de gardarraís en Sober disfrazados de obreiros

Rouban 200 metros de gardarraís en Sober disfrazados de obreiros

Os presuntos ladróns, veciños de Ourense, xa foron identificados pola Garda Civil

Félix Aragunde 21/04/2023 13:54

Ata 70 postes metálicos e 200 metros de biondas foron roubados a plena luz do día nunha leira de Canaval, en Sober. O botín correspondía aos gardarraís dunha pista desmontados nas obras da vía do tren. Para subtraelo, os ladróns disfrazáronse cunhas chaquetas semellantes ás dos obreiros.

Pascual Paz, encargado de obra: "Apareceu á hora de comer un coche e viñan con chaquetas de obra. Despois veu un camión descargar pedra e sacoulle unha foto, e foi cando nos demos conta de que viñan roubar as varandas".

Non é a primeira vez que rouban nestas obras. Hai uns meses, un ladrón quedou ferido ao tratar de levar o cable da catenaria, mentres que noutra ocasión mesmo subtraeran gasóleo.

Pascual Paz, encargado de obra: "As fins de semana temos que procurar deixar as máquinas co mínimo de gasóleo e gardar as ferramentas, porque se non chegamos o luns e temos todo desvalixado. Todos os útiles temos que gardalos ou levalos".

Unha vez denunciado o roubo das barreiras de seguridade, a Garda Civil identificou dous veciños de Ourense como presuntos autores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade