Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban a imaxe de Santa Rita na capela de Ponte Beluso, en Boiro

Rouban a imaxe de Santa Rita na capela de Ponte Beluso, en Boiro

Denuncian saqueos constantes no peto da capela, pero esta vez cren que os vándalos actuaron "por vinganza"

A veciñanza, disposta a facer gardas na capela para frear a vaga de roubos

G24.gal 22/10/2024 14:20

"Vin á mañá e non estaba aí. A santa estaba alá detrás, a santa e outras cousas máis".

Cóntao José, un veciño que visita a capela varias veces ao día e recolle o peto para evitar que o leven os amigos do alleo, algo que ocorre con frecuencia. Pero esta vez o desgusto foi maior. 

"Levaron a Santa Rita que tiñamos na ventá, mirando cara á estrada, e da de pedra, que lle tiñamos unha cruz de madeira, ao quitarlle a cruz, rompéronlle un dedo", explica o crego de Bealo, Xoán Carlos Rodríguez.

Levaron a santa, o rosario da outra e, por levar, ata levaron cousas de limpeza e flores. Cren que foi unha vinganza. 

"Como lle estabamos pondo as cousas bastante difíciles co tema do cepillo, por fastidiar, por facer dano" aventura o sacristán, José Manuel Fernández. 

Un dano que afecta os milleiros de devotos desta santa.

"Moita xente para aquí ao longo do día, baixa e deixa un centro de flores ou unha vela que ten ofrecida", explica o crego.

"Onte aínda collín aquí tres rosarios, dous deles bañados en ouro. Hai moita devoción a esta santa. Ademais, cae moi ben, que está nunha estrada de paso e xa paras aquí", engade o sancristán.

A capela é un ir e vir de xente. Cristina é unha das asiduas. Vén o día 22 de cada mes cun centro de flores para lle agradecer á santa un embarazo que lle implorou cando xa se dera por rendida. Cóntao coa mesma emoción coa que viviu aquel momento.

Os veciños non se deixan intimidar e ameazan con montar gardas ao pé da Santa Rita para que algo así non se volva repetir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade