Rouban en instalacións municipais de Vedra por terceira vez nun mes

Deixaron sen portas nin ventás o local social de San Xián de Sales 

Semanas atrás levaron o cableado do velódromo e maquinaria do concello 

G24.gal 31/10/2023 15:22 Última actualización 31/10/2023 16:22

No centro social de San Xián de Sales só queda operativa unha única entrada. Os outros cinco accesos tiveron que ser tapiados polos operarios do Concello de Vedra, porque alguén arramplou con todas as portas esta fin de semana.  Supoñen que esa quedou, porque está na cara máis visible do edificio na zona de acceso desde a estrada lindeira.

Ademais das portas, levaron tamén a parte móbil das ventás. "En total unhas 15 ventás; desmóntanse por dentro e entraron, desmontáronas e leváronas todas", conta Santiago Neira, o presidente da Asociación de Veciños Unión e Progreso de San Xian de Sales.

Suponse que o obxectivo dos ladróns é comercializar a carpintería de aluminio no mercado negro. Este tipo de roubos están sendo reiterados ultimamente en distintas instalacións municipais do concello de Vedra. "Hai 20 días levaron todo o cableame do campo onde se fai o campionato galego de dúatlon, sobre un valor de 6.900 euros levaron e hai dez días entraron noutro local que ten o concello aquí e levaron dúas máquinas de soldar eléctricas", detalla Neira.

Ademais do prexuízo económico para as arcas municipais, os veciños terán que suspender temporalmente as numerosas actividades culturais e recreativas que organizaban no local saqueado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade