Rueda anuncia que Galicia presentará un proxecto do sector lácteo ao PERTE agroalimentario
Rueda anuncia que Galicia presentará un proxecto do sector lácteo ao PERTE agroalimentario
Estará enfocado a modernizar e dixitalizar a industria leiteira, e nel participan 19 empresas
O sector lácteo vai encabezar o proxecto que vai presentar Galicia aos fondos do PERTE agroalimenatrio. Anunciouno este mércores en Santiago o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, canda empresarios da industria, encabezados polo presidente de Clusaga (Clúster Alimentario de Galicia), Juanjo de la Cerda.
O Clúster Alimentario de Galicia quere que sexa o sector lácteo quen protagonice o proxecto tractor dos dez que optan a parte dos 1.500 millóns de euros previstos nos fondos Next Generation. É preciso facelo conxuntamente con outras autonomías, pero Galicia ten 113 industrias lácteas e 6.600 produtores que lideran a produción en España.
"A capilaridade e potenciación do desenvolvemento do sector fano idóneo para empregar os fondos desta convocatoria nacional e poñer en marcha esta candidatura encamiñada á transformación dixital e sostibilidade do sector leiteiro e xerar máis emprego de calidade", explicou Juanjo de la Cerda.
O prazo de presentación remata a mediados do mes que vén. Participan no proxecto 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia. Di o presidente da Xunta que agora cómpre que o Goberno Central non repita erros pasados para que as axudas cheguen.
"Necesitamos moita máis celeridade e menos complexidade no deseño destes PERTE. Que se faga xustiza con todo este traballo e que as malas experiencias con outros PERTE, como o da automoción, do que quedou fóra Stellantis, e non por culpa da empresa, non suceda."
Alfonso Rueda quéixase de que o sector da conserva quedase excluído do chamado PERTE agroalimentario.