Rueda denuncia un intento de obter rédito electoral e de elevar a crispación en Cangas
Rueda denuncia un intento de obter rédito electoral e de elevar a crispación en Cangas
O presidente a Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou este martes que el non aprecia ningunha agresión dun concelleiro do seu partido en Cangas nun pleno da pasada semana e denunciou un intento por parte dalgúns de tentar elevar a tensión e a crispación e de obter réditos electorais.
En declaracións aos medios en Santiago, Rueda dixo que "calquera clima de crispación e de tensión non é bo", aínda que indicou que el nese vídeo non ve ningunha agresión cara á tenente de alcalde socialista de Cangas.
"O que vexo é o intento dun concelleiro (PP) de tapar o obxectivo dun teléfono co que o estaban gravando tras pedir que non o gravasen", interpretou Rueda, que pediu rebaixar a tensión e a crispación.
Tras a publicación do vídeo destas imaxes, distintos perfís nas redes sociais de dirixentes socialistas, incluída a portavoz do Goberno, Pilar Alegría, pediron a dimisión deste concelleiro do PPdeG.
Para Rueda, en cambio, esas peticións baséanse en "un intento de aproveitar unhas imaxes, interpretadas de forma interesada, para obter réditos políticos", en alusión á próxima celebración de comicios en Galicia, cuxa convocatoria publica este martes o Diario Oficial da comunidade.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que o partido non vai facer "nada máis" respecto a este asunto que o que xa anunciaron os seus compañeiros de Cangas, e negou que se trate dun caso de agresión porque non hai "ningún vídeo que o acredite".
Prado atribuíu a polémica xurdida a unha "cortina de fume" do PSdeG que pretende "tapar a súa responsabilidade en cuestións que lles afectan aos cidadáns de Cangas, neste caso".
Segundo dixo, en declaracións antes da primeira reunión do comité electoral do seu partido, ela mesma visualizou os vídeos sobre o suceso ocorrido no pleno da semana pasada e "en ningún caso" viu "ningún tipo de agresión", polo que remitiu ás explicacións dadas polo PPdeG de Cangas de que foi "un pleno con moitísima tensión como pode haber ás veces en plenos".