Rueda destaca o papel do deporte para conseguir a inclusión plena
Rueda destaca o papel do deporte para conseguir a inclusión plena
A asociación Enki organiza charlas nos colexios con deportistas con diversidade funcional para que os rapaces coñezan de preto o deporte inclusivo
Máis de medio milleiro de alumnos de quinto e sexto de primaria de varios colexios da provincia da Coruña participaron este luns nunhas xornadas sobre deporte adaptado. A asociación Enki organiza charlas nos colexios con deportistas con diversidade funcional e estes encontros serven para que os rapaces coñezan de preto o deporte inclusivo.
Os alumnos compartiron as probas prácticas co presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, que destacou o papel do deporte e das asociacións sociais no reto de conseguir unha sociedade máis inclusiva para as persoas con discapacidade. "O mundo ten que ser inclusivo e iso empeza por vós", díxolles o presidente aos alumnos.
Alfonso Rueda louvou o nivel dos deportistas galegos con diversidade funcional. Dezaseis participaron nos xogos paralímpicos de Tokyo e gran maioría quedaron nos primeiros postos. Rueda agarda tamén bos resultados nos xogos deste verán en París.