Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda: "Galicia ten claras as súas esixencias ao Goberno presídao quen o presida"

Rueda: "Galicia ten claras as súas esixencias ao Goberno presídao quen o presida"

O xefe do Executivo galego fixo estas declaracións na toma de posesión de Adrián Barbón como presidente do Principado de Asturias

G24.gal 27/07/2023 14:33

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia ten claras as súas prioridades e as súas esixencias ao futuro Goberno central "presídao quen o presida" e que, á marxe da cor política que teña, será "firme" nas súas reclamacións sempre desde "a leal colaboración" coa administración central.

Con todo, Rueda reiterou a postura expresada onte polo PP galego que lidera de trasladar "un apoio sen fisuras" ao presidente nacional dos populares "e gañador das eleccións", Alberto Núñez Feijóo, para que siga adiante para tentar formar goberno tras a súa vitoria do 23X.

O xefe do Executivo galego fixo estas afirmacións tras asistir xunto aos seus homólogos de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco; de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, e de Navarra, María Chivite, á toma de posesión de Adrián Barbón como presidente do Principado, que lle convidaba persoalmente ao acto "e non podía faltar".

Rueda sinalou que dúas comunidades "irmás e limítrofes" como Asturias e Galicia mantiveron sempre unha colaboración "moi estreita" sobre temas comúns "e deron exemplo do que a xente quere" ao traballar conxuntamente, como afirmara Barbón no seu discurso, desde a vontade de cooperación e entendemento "por encima das ideoloxías políticas".

Así, lembrou o cumio celebrado en Santiago para impulsar o Corredor Atlántico ferroviario ou a reunión de hai menos de dous anos sobre financiamento autonómico na que participou o castelán-manchego García Page, que hoxe acudiu tamén á toma de posesión de Barbón xunto á navarra María Chivite, tamén socialista, e ao popular Fernández Mañueco.

Rueda subliñou que, coa súa presenza no acto celebrado na sede do parlamento asturiano diante duns 300 invitados, pretendía testemuñar o seu "afecto" e "agarimo" a Barbón desde o punto de vista persoal así como o seu respecto "e a vontade de que Galicia e Asturias sigan cooperando e conseguindo obxectivos conxuntos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade