Rueda pide unha postura "construtiva" á oposición, que avanza propostas "útiles" no debate de investidura
Rueda pide unha postura "construtiva" á oposición, que avanza propostas "útiles" no debate de investidura
Rueda pide unha postura "construtiva" á oposición, que avanza propostas "útiles" no debate de investidura
A sesión de investidura retómase este xoves coa intervención dos grupos parlamentarios
O BNG reinvidicarase como "garantía da política útil e construtiva"
O PSdeG amosarase como un partido "pegado aos problemas dos galegos"
Alfonso Rueda reclamoulle á oposición unha "postura construtiva" para acordos en "temas fundamentais". En declaracións tras un acto en Santiago, Rueda explicou este mércores que este martes "algunha cousa quedou dita xa" sobre os cambios na Xunta, máis alá dos nomes, pero pediu "un pouco de paciencia" durante toda esta semana para coñecer a "estrutura definitiva" do Goberno autonómico.
Segundo explicou, hai unha serie de materias que "verán reflectida a súa importancia desde o punto de vista da estrutura das consellerías", aínda que con respecto ás tarefas de Goberno as "prioridades" xa están de épocas anteriores e agora poderán ter, iso si, "máis relevancia e máis protagonismo político".
Rueda instou á oposición a ter "unha postura construtiva" sobre o pacto que lles ofreceu sobre industria e enerxía e que entendan que quen ten que facer a proposta é quen gañou as eleccións por maioría absoluta. Aínda que "unha cousa é o que me gustaría esperar e outra cousa é o que me temo vendo as súas valoracións máis ou menos previsibles", lamentou sobre as críticas que recibiu do BNG e o PSdeG tras o seu discurso na primeira sesión do debate de investidura.
Así, reprochoulles que xa tivesen decidido o seu voto en contra antes de escoitar a súa intervención e pediulles que teñan "mente aberta" á oferta que fixo sobre a industria e a enerxía, xa que se poderían "concretar detalles" e "tentar reflectir tamén as súas achegas" para chegar a un acordo. Rueda advertiu de que os galegos queren que os partidos alcancen consensos en "temas fundamentais" e que Galicia "escape" á "tensión e discusións" que ven noutros lugares de España.
O BNG reclamarase como "garantía da política útil e construtiva"
A líder do BNG empregará a súa quenda na segunda sesión de investidura para reivindicar que os nacionalistas son a garantía da “política útil e construtiva” con medidas para catro ámbitos que consideran prioritarios: sanidade, vivenda, enerxía e calidade democrática.
Así o debullou este mércores en rolda de prensa o viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, Luis Bará, que asegurou que as propostas que presentarán están orientadas “a toda a poboación de Galicia e non só ao medio millón de persoas que votaron ao BNG” nos comicios do pasado 18 de febreiro.
Bará explicou que, desta forma, volverase "ver un BNG positivo, propositivo e construtivo”, xa que tenderá a man ao PPdeG nestas cuestións mentres deixará “fóra” outro tipo de posturas “máis ideolóxicas” en que saben que existen “máis discrepancias” cos populares e nos que sería máis difícil chegar a acordos.
En sanidade, o BNG reiterará as súas peticións para blindar por lei que a Atención Primaria reciba o 25 % do orzamento de sanidade, que os centros de saúde se doten das especialidades necesarias aumentando a oferta e tamén mellorar as condicións laborais para acabar coa “precariedade” dos empregados.
O PSdeG reinvidicarase como un partido "pegado aos problemas dos galegos"
O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, utilizará a súa intervención na segunda sesión do debate de investidura para reivindicar á súa formación como un partido “pegado ao territorio e aos problemas dos galegos” fronte a unha Xunta afastada da realidade actual que atravesa Galicia, segundo os socialistas.
Así o avanzou en conferencia de prensa a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, que anunciou que os servizos públicos, a defensa do autogoberno e o crecemento económico son as prioridades e “liñas mestras” do proxecto que encabeza Besteiro e así o demostrará na súa primeira intervención.
A deputada insistiu en que as propostas dos socialistas buscarán “situar Galicia onde merece” para que sexa un “referente” en canto a crecemento económico e situación dos servizos públicos. Besteiro, dixo a parlamentaria, tamén comezará a evidenciar o tipo de oposición que quere trasladar na Cámara e que será “leal, construtiva pero tamén fiscalizadora de toda a acción de goberno”.
Méndez tamén se referiu ao discurso realizado por Alfonso Rueda na xornada do martes, no que detectou falta “de ambición” e pouca “concreción de proxectos”. Todo iso a pesar de que a Xunta conte con orzamentos aprobados, xa que as contas “non son realidade de nada se non se executan e non se realizan”.