Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PPdeG mantería a maioría absoluta, pero a esquerda sumaría tres escanos máis

O PPdeG mantería a maioría absoluta, pero a esquerda sumaría tres escanos máis

Segundo a enquisa que publica La Voz de Galicia, Ourense é a única provincia que mantería a repartición 

No que respecta á valoración de líderes, só aproban Alfonso Rueda, cun 5,3, e Ana Pontón, cun 5,2

G24.gal 07/01/2024 12:03 Última actualización 07/01/2024 19:46

O candidato do PPdeG e actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estaría en condicións de manter a maioría absoluta nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro, pero perdería tres escanos e quedaría con 39 dos 75 do hemiciclo do Parlamento autonómico.

A enquisa de Sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia, outorga esas tres actas que perderían os populares no Pazo do Hórreo ao bloque de esquerdas que representarían BNG, PSdeG e Sumar.

BNG subiría un escano na circunscrición provincial de Pontevedra, onde o PP perdería unha acta. Sumar sacaría unha pola Coruña, tamén á conta da baixada do PP, e o PSdeG pasaría de dous a tres escanos na provincia de Lugo, onde os populares cederían un tamén.

Ourense sería a única provincia que mantería unha repartición idéntica ao ano 2020, con oito escanos en mans dos populares, tres nas do BNG e outros tres nas do PSOE.

Cunha porcentaxe de estimación de voto do 3,6 % no caso de Vox e do 3,5 % para Democracia Ourensá (D.O.), ningunha das dúas forzas superaría o listón preciso para lograr un escano.

Voto oculto en Ourense

En todo caso, Ourense é a provincia que outorga a Vox mellores resultados en estimación de voto, ademais da presenza do partido que dirixe o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. E non só iso, segundo o publicado, é o territorio onde Sondaxe detecta máis voto oculto.

Na Coruña a repartición quedaría en 13 actas para o PP, sete para o BNG, catro para o PSOE e un para Sumar; mentres que en Pontevedra os populares sumarían dez, sete o BNG e cinco o PSOE; e en Lugo, o PP conseguiría oito, mentres que os nacionalistas sumarían tres, e os socialistas, outros tres.

Valoración de líderes e abstención

No que respecta á valoración de líderes, o candidato popular, Alfonso Rueda, que se presenta por primeira vez tras a sucesión de Alberto Núñez Feijóo, é o líder mellor valorado, cun 5,3. Ségueo a líder do Bloque, Ana Pontón, que é a única que aproba da oposición, cun 5,2.

A continuación, a enquisa outórgalle un 4,8 ao candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e un 4,2 á aspirante de Sumar, Marta Lois.

Tamén se reflicte o cambio de voto pola lei de amnistía (un de cada cinco electores, segundo La Voz de Galicia, di que o impulso da mesma fíxolles cambiar de papeleta), e un elevado nivel de abstención.

En concreto, 40 días antes das eleccións galegas, a abstención estimada rozaría o 45 %. Os votantes do PP e do BNG manteríanse como os máis fieis, e os do PSdeG, como os máis abstencionistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade