Rueda reivindica a "solidariedade entre territorios" que consagra a Constitución

O presidente da Xunta volveu fixar a eleccións autonómicas para o "primeiro semestre"

G24.gal 06/12/2023 16:39

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este mércores a "solidariedade entre territorios" que consagra a Constitución e insistiu en pedir a convocatoria de diferentes reunións entre o Goberno central e as comunidades autónomas, incluída unha nova Conferencia de Presidentes.

Rueda desprazouse a Madrid para participar nos actos oficiais conmemorativos polo 45 aniversario da aprobación da Carta Magna e, desde alí, enxalzou o modelo que instaurou en 1978 e que comparte, dixo, "a inmensa maioría do pobo español e do galego".

"É un modelo baseado na igualdade. Ningún territorio debe ser menos que ningún, pero tampouco máis que ningún. E esa igualdade e solidariedade entre territorios rompe cando empezan as negociacións bilaterais, os acordos falando do que debería falarse entre todos (...) e iso sempre vai en prexuízo do resto", denunciou.

Eleccións autonómicas

Durante a súa intervención ante os medios en Madrid, Rueda volveu confirmar que as eleccións autonómicas en Galicia se celebrarán "no primeiro semestre", sen maior concreción. As últimas foron en xullo de 2020. Con este horizonte pouco preciso, o presidente apuntou á "illa de estabilidade" que é a Comunidade e que os galegos "cada vez aprecian máis".

"A pesar de ver cousas que non nos gusta nada en Galicia, creo que a mellor forma de preservarnos é seguir gobernando e aprobar os orzamentos, que van ser aprobados nun par de semanas. A partir de aí, cos orzamentos aprobados, seguiremos gobernando ata que toque a data electoral", resolveu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade