Rueda, sobre regular bebidas enerxéticas: "A ninguén se lle ocorre que un neno de 14 anos poida tomar 3 cafés de golpe"
Rueda, sobre regular bebidas enerxéticas: "A ninguén se lle ocorre que un neno de 14 anos poida tomar 3 cafés de golpe"
Rueda, sobre regular bebidas enerxéticas: "A ninguén se lle ocorre que un neno de 14 anos poida tomar 3 cafés de golpe"
A Consellería de Sanidade está a elaborar o anteproxecto de lei de prevención das adiccións en que este tipo de produtos e o alcol van estar equiparados
Rueda dixo que é necesario controlar o seu consumo, publicidade e acceso, para que este sexa máis restrinxido
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este martes a necesidade de regular a venda e consumo de bebidas enerxéticas, que quedará prohibida en Galicia para os menores en cuestión de meses, pois é "notable" o aumento do consumo entre os pequenos, cando ninguén lles daría "tres cafés".
En declaracións á prensa tras un acto en Vigo, o mandatario autonómico remarcou que a Consellería de Sanidade está a elaborar o anteproxecto de lei de prevención das adiccións no que este tipo de produtos e o alcol van estar equiparados.
Rueda adiantou que será aprobado "en poucas semanas" polo Consello e "seguidamente irá ao Parlamento" para que, se todo vai ben, se converta en lei e se vete que a súa publicidade se dirixa ao público infantil e que nos establecementos se sitúen á beira dos refrescos.
Rueda subliñou que "ao final o que queremos facer é tentar poñer solucións a problemas que agora mesmo están encima da mesa". Así, incidiu en que "o aumento moi notable deste tipo de bebidas entre a xente nova está a converterse nun problema de saúde pública e ás veces non somos conscientes as familias, e sobre todo os consumidores máis novos, de que se trata de bebidas que teñen estimulantes".
"A ninguén se lle ocorre que un neno de 13-14 anos poida tomar dous, tres cafés de golpe", exemplificou, e por iso dixo que é necesario controlar o seu consumo, publicidade e acceso, para que este sexa máis restrinxido.
"En definitiva, poñer solución a un problema que existe, igual que todo o que ten que ver cos vapeadores, con todas as novas maneiras que estamos a ver substitutas do tabaco". "Ao final hai que previlo entre a xente nova, é saúde pública, saúde de todos, e o que imos facer xa é delimitacións concretas, que bebidas, que tipo de vapeadores estarían limitados por lei".
A proposta galega "está a acabarse de delimitar" e en poucos meses o esperable é que sexa unha lei "que haxa que cumprir en beneficio de todos".