Rueda subliña que as empresas galegas bateron récord de exportacións, superando os 30.000 millóns
Rueda subliña que as empresas galegas bateron récord de exportacións, superando os 30.000 millóns
As exportacións das empresas galegas superaron por primeira vez os 30.000 millóns de euros
Rueda visitou a empresa que fabrica vehículos de defensa con destino a Ucraína
Ata Ucraína chegarán vehículos feitos en Galicia. Son modelos de defensa que forman parte do paquete de axuda que aprobaron os gobernos español e ucraíno durante a visita de Zelenski deste luns a España. Fabrícaos Urovesa, con sedes en Santiago e Valga. Nesta última localidade o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na inauguración do novo centro de formación da empresa, onde puxo en valor o potencial da compañía para proxectar o tecido empresarial galego no exterior.
Novo récord de exportacións
Rueda subliñou o bo momento que atravesan os plans de internacionalización das empresas galegas, que en 2023 volveron bater os seus récords de exportacións. De feito, superaron por primeira vez os 30.000 millóns de euros.
Urovesa, especializada na construción de vehículos especiais de gran tonelaxe e capacidade, é segundo o titular do goberno galego unha destas empresas "de interese" para a comunidade, xa que crea emprego industrial e segue consolidándose no estranxeiro. "É importante que nun concello pequeno, aquí nunha esquina de España, haxa unha empresa destas características e con este prestixio, capaz de competir cos mellores no estranxeiro e gañar", afirmou Alfonso Rueda.
Aposta pola formación
Tras coñecer o funcionamento do novo centro de formación que esta compañía abriu nas súas instalacións, o presidente da Xunta subliñou tamén a importancia de que estas empresas aposten pola formación de talento novo. A este respecto, Rueda afirmou que os cursos realizados neste centro formaron parte dun programa de axudas da Xunta, dotado de oito millóns, pensadas para impulsar unha "formación á carta" para cubrir os perfís de traballo que necesitan as empresas. O presidente galego avogou por reforzar esta aposta por unha formación "flexible" e adaptada ás necesidades do tecido empresarial, porque "a Galicia interésalle moitísimo ter un emprego industrial de calidade".