Rueda tacha de "incompresible" a exclusión de Galicia da rede de hidróxeno verde

O presidente da Xunta explicou que Galicia é unha das comunidades autónomas "con máis proxectos reais e en marcha"

A Xunta buscará outras vías de financiamento para poder conectarse á rede europea

O sector galego do hidróxeno considera un "mazazo" que a UE non financie o hidroduto Guitiriz-Zamora

G24.gal 29/11/2023 16:07

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera "incomprensible" que Galicia quedara excluída da rede principal de hidróxeno verde na península, o que impediría a súa conexión co futuro corredor europeo.

O tramo comprendido entre Guitiriz (Lugo) e Zamora non figura no deseño do trazado principal por España que o Goberno presentou ante a Comisión Europea. Polo tanto, non poderá optar ás subvencións de fondos con carácter prioritario.

"É un agravio máis e unha decisión para prexudicar Galicia", lamentou Rueda, que quixo recordar que Galicia é unha das comunidades autónomas "con máis proxectos reais e en marcha" baseados na produción de hidróxeno verde.

Entre elas, empresas "moi potentes e punteiras" como Enagás están a construír estas instalacións e, segundo o presidente galego, trasladáronlle que "contamos con todo o seu apoio para buscar outra alternativa e non quedarnos desconectados".

Segundo explicou Alfonso Rueda, "non quedarán de brazos cruzados" e buscarán outras vías de financiamento para poder conectarse á rede europea, mediante posibles "alianzas comerciais" con empresas privadas ou con outras comunidades autónomas.

"A vía máis sinxela eran os fondos europeos pero a Galicia empéñanse en poñérnolo difícil", destacou o presidente galego, que espera que o Goberno recapacite.

Rueda tamén quixo lembrar que nos últimos anos España animou as comunidades a impulsar proxectos baseados no hidróxeno verde, xa que "era o futuro e o que ían demandar as empresas", ante o que Galicia "tomou nota" e avanzou por esa vía.

Cos proxectos que se atopan en marcha e a rede interior despregada, segundo o presidente da Xunta, "atopámonos con esta incompresible noticia" e que a conexión de hidróxenos que se producirá en Galicia co resto de España "non é unha prioridade" para o Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade