Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pablo, porteiro dun edificio da Coruña, sálvalle a vida a unha veciña que estaba a sufrir un ictus

Pablo, porteiro dun edificio da Coruña, sálvalle a vida a unha veciña que estaba a sufrir un ictus

A rápida reacción do conserxe do edificio evita que remate en traxedia

G24.gal 10/11/2021 14:14

A súa rápida reacción salvoulle a vida a unha veciña. Sucedeu na Coruña e os seus protagonistas son o conserxe, unha garda de seguridade e unha veciña do edificio que estaba a sufrir un ictus. A dificultade á hora de falar que mostraba a muller fixo que o conserxe decidira chamar o servizo de emerxencias. 

Pablo Casal estaba a realizar as súas tarefas coma cada día. É conserxe nun edificio da rúa Fernando Macías na Coruña. De súpeto escoitou soar o intercomunicador e unha veciña, que vive soa, pedíalle axuda para pechar a billa da ducha, pois a muller dicía que lle dera un tirón nas costas. 

Explica Pablo Casal que cando pechou a billa a muller desmaiouse, "senteina no sofá e cando volveu en si deiteina na cama, pero non quería que chamase ao médico", engade. O conserxe, baixou de novo ao seu posto, pero sabía que a muller non estaba ben, pois mostraba dificultade para falar. Decidiu entón chamar o 061 e ao volver á vivenda da veciña, duns 70 anos, xa non contestaba.

Intentou entrar á casa polo patio, pero a ventá tamén estaba pechada. Cando chegaron os bombeiros abriron a porta e os servizos médicos xa puideron atender á muller, que seguía tumbada na cama pero inconsciente. A rápida intervención do conserxe salvoulle a vida, xa que a muller estaba a sufrir un ictus e nestes casos, cada minuto que pasa sen ser atendida pode ser fatal.   

En toda esta operación tamén foi decisivo o labor de Loli, unha garda de seguridade que traballa no mesmo edificio. E hoxe entre os veciños non se comentaba outra cousa, pois a pronta resposta dos dous salvoulle a vida á muller. Un heroe sen capa, aínda que para Pablo non fixo nada que non sexa parte do seu traballo, que é procurar o benestar de todos os veciños, indica.

A muller permanece no hospital e Pablo segue hoxe, e como cada día dende hai tres anos, a velar e axudar os veciños do edificio, a maioría de avanzada idade, a súa outra familia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade