Sae de Maceda a comitiva de axuda a vítimas da guerra en Ucraína
Sae de Maceda a comitiva de axuda a vítimas da guerra en Ucraína
Catro vehículos cargados de axuda retornaran con 24 mulleres e nenos desprazados pola guerra
Chegarán á fronteira sur de Polonia con Ucraína o xoves e estarán de volta o sábado
E de Maceda saíu esta maña unha expedición con axuda a vítimas da guerra. Non momentos previos contáronnos que levan alimentos e material sanitario doado pola veciñanza. De volta traerán un grupo de refuxiadas cos seus cativos para darlles fogar na vila ourensá. Van como expedición humanitaria integrada por sete membros de Protección Civil e bombeiros que rotarán nas 48 horas de condución que teñen na viaxe.
"Tres furgóns que van a tope de medicación e de produtos básicos, de primeira necesidade: mantas, cueiros, compresas... Curioso é que levamos moito Betadine, porque é dos produtos que máis están a demandar.
O trato é chegar alí, descargar todo o que levamos e entregarllo á Cruz Vermella. A partir de aí, ir ao noso punto de destino o antes posible e recoller as 24 persoas que están asignadas para vir con nós. Van ser os nenos en primeiro lugar e as súas nais quen virán con nós de volta para aquí", explica Rubén Quintas, membro da expedición.
Para cando cheguen, dous establecementos hostaleiros da comarca terán listo o aloxamento e manutención das 24 persoas ucraínas desprazadas pola guerra. Iso será dous días, porque logo intalaranse nas casas de acollida que ofreceron veciños do concello Maceda. Nesta acción solidaria cooperan os concellos de Vilar de Barrio, Baños de Molgas e a Mancomunidade do Ribeiro.
Na expedición van dous bombeiros do parque de Ourense. Un deles é Ramón Quintas: "Digamos que é unha obriga moral. Todo o traballo púxoo o alcalde, e nós, simplemente voluntarios, o que nos digan, o que nos pidan. un paso á fronte, con ilusión e listo".
Se todo sae segundo o previsto, chegarán á fronteira sur de Polonia con Ucraína dentro de 48 horas. Estarán de volta en Maceda o sábado.