As chuvias favorecen a saída dos primeiros cogomelos da tempada
As chuvias favorecen a saída dos primeiros cogomelos da tempada
Tamén as temperaturas suaves benefician a aparición de exemplares nos montes galegos
Acompañamos o Grupo Micolóxico Galego nunha saída polo Outeiro da Cela (Muíños)
Arrastrados polo chan e aguzando todos os sentidos, desde a vista ao olfacto. Buscar cogomelos co grupo micolóxico galego é unha clase maxistral.
"Por moito que penses que sabes, máis che queda por saber. Están aparecendo especies novas continuamente", asegura Marisa Castro, do Grupo Micolóxico Galego.
Os montes galegos, ás veces inaccesibles pola maleza, son un paraíso natural para esta especie, pero cómpre ter coñecementos e recursos para distinguilos, coma no caso desta lepiota, unha das variedades máis populares.
"Teriamos que facer unha análise pormenorizada porque, posiblemente, non sexa unha macrolepiota senón un clorofilum, uns cogomelos que causan trastornos intestinais ás veces severos", explica Alejandro Mínguez, do Grupo Micolóxico Galego.
Un paseo de pouco máis dunha hora déixanos a cesta mediada. O outono apunta ben, coas chuvias abundantes e as temperaturas suaves, pero hai que ter en conta, tamén, que vimos dunha temporada extraordinaria no mes de xuño.
"E os micelios, cando dan moito nunha temporada, non se recuperan para o outono. Aínda que aquí, nos bosques, hai tantos micelios que, aínda que uns se esgoten, o normal é que saian outros", comenta Alejandro Mínguez.
Unha trintena de afeccionados de toda Galicia e do norte de Portugal participaron nesta saída micolóxica que dá por inaugurado o outono.