Publicador de contidos
Publicador de contidos

Salvan un home no Grove que se precipitou ao mar cunha furgoneta roubada

Salvan un home no Grove que se precipitou ao mar cunha furgoneta roubada

O home foi trasladado ao hospital de Montecelo con síntomas de hipotermia

A Garda Civil abriu unha investigación para aclarar este sinistro

G24.gal 27/03/2024 14:10

Contra as cinco e media da tarde do martes un home roubaba unha furgoneta de repartición de medicamentos ás portas desta farmacia do Grove.

Julián Armando Ortiz presenciou o roubo, di que o home aparcou o seu coche cerca da farmacia. Di que pouco despois chegou o furgón da farmacéutica. Asegura que a muller deixou a porta aberta e as chaves postas, momento en que o home aproveitou para roubalo.

Tras denunciar o roubo, a Policía Local e a Garda Civil montaron un operativo de busca. Pouco despois recibían o aviso de que un vehículo que coincidía coa descrición do roubado acababa de precipitarse ao mar dende o peirao.

Juan Campos, testemuña do accidente, di que o coche pasou a máis de cen quilómetros por hora e que non intentou frear. Apunta que saíu disparado.

Din que se nese momento os mariñeiros do Silbor non estivesen recargando, o condutor, un veciño de Santiago de 39 anos, afundiría coa furgoneta.

Félix Piñeiro, patrón do Silbor, confirmounos que nun primeiro momento o home non quería saír do vehículo e que non eran capaces de abrir a porta. Din que intentaron atar o vehículo ao barco para que non afundise e que foi nese momento cando o condutor saíu pola fiestra.

O home presentaba signos de hipotermia. Unha ambulancia do 061 trasladouno ata o hospital de Montecelo aínda que este mércores foi derivado ao  hospital clínico de Santiago.
Ata o lugar do sinistro tamén se desprazaron unha patrulla de emerxencias do Grove, da Policía Local e da Garda Civil, que xa abriu unha investigación para aclarar os feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar