Sálvanlle a vida no bar ao que acode todos os días
Estaba na terraza cando outro habitual do bar se decatou de que lle podía estar dando un infarto e axiña reaccionaron todos os presentes
Ernesto, de 50 anos, tomaba unha cervexa no bar ao que acode todos os días, O Lar do Lume, na súa parroquia de Mosende, no Porriño.
Estaba na terraza cando outro habitual do bar se decatou de que lle podía estar dando un infarto e axiña reaccionaron todos os presentes. Deitárono no chan e comezáronlle a dar unha masaxe cardíaca de máis de vinte minutos, estiveron asesorados telefonicamente polo 061 e continuaron ata que se fixo cargo o persoal sanitario.
Hoxe lémbrano impresionados e coa certeza de que lle salvaron a vida porque así llelo dixeron os integrantes da ambulancia que o levou ao Cunqueiro.
Aínda coa impresión no corpo, agardan non verse noutra circunstancia parecida, aínda que tras o susto están satisfeitos de poder participar na salvación dunha persoa.