Publicador de contidos
Publicador de contidos

Samuel, supervivente do Villa de Pitanxo: "Non se pode facer xustiza sen baixar ao barco"

Samuel, supervivente do Villa de Pitanxo: "Non se pode facer xustiza sen baixar ao barco"

O mariñeiro sobrevivente do naufraxio estivo en Marín arroupando as familias dos falecidos

Pediu xustiza para os compañeiros e que se baixe ata o barco para coñecer a verdade

Asegurou ante milleiros de persoas que non é o mesmo contalo que vivilo

G24.gal 03/04/2022 19:10

Tremendamente emocionado e arroupado polo aplauso de todos os asistentes na alameda de Marín, así foi o recibimento a Samuel Kwesi, o ghanés asentado neste concello dende hai máis dunha década.

Samuel é un dos tres superviventes do Villa de Pitanxo, xunto ao patrón e o seu sobriño. Acompañando as familias, pediu xustiza para os seus 21 compañeiros e amigos sen esquecer todo o que pasou ese fatídico 15 de febreiro en augas de Terra Nova.

"Vin como sufriron e dixeron as súas últimas verbas. Os que quedaron dentro do barco non os vin pero os que estaban comigo na balsa si (...). Pídolle ao Goberno de España que, por favor, me mire á cara, non se pode facer xustiza sen baixar ao barco para coñecer a verdade".

Precisamente Samuel é unha peza clave na investigación. A súa versión dos feitos contradí a do patrón. Non son momentos doados para o ghanés, que realizaba a súa primeira marea neste barco. 

"Oxalá puideran estar aquí comigo. Aínda que estiven noutros barcos, aquí atopei compañeiros bos".

Pediulles ás familias que non deixen de loitar e que todos poñan da súa parte para que se poida facer xustiza polo Villa de Pitanxo, pero tamén por todos os compañeiros embarcados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade