Pedro Sánchez: "Haberá goberno progresista dentro de pouco"
Pedro Sánchez: "Haberá goberno progresista dentro de pouco"
PSOE e Sumar amósanse confiados en reeditar a coalición
ERC mete presión coa amnistía e a celebración dun referendo en Cataluña
Na véspera da segunda votación, o PP fai un balance positivo do debate de investidura de Núñez Feijóo. Segundo Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "foi un día para que todo o mundo quedara retratado, aqueles aos que lles faltou valentía para dar a cara como Pedro Sánchez para explicar aos españois porque está negociando unha amnistía".
Agás sorpresa, tampouco se agarda que Pedro Sánchez tome a palabra no debate de mañá, e pon o foco no candidato do PP. O socialista cre que a votación será "a consumación da súa derrota parlamentaria" e asegura que haberá goberno de coalición progresista "dentro de pouco tempo".
Tamén a líder de Sumar, Yolanda Díaz, se amosa optimista e dá por feito que a coalición se vai reeditar.
Pero o certo é que, polo momento, non teñen os apoios necesarios. O líder de ERC, Oriol Junqueras, reuniuse este xoves no Congreso cos seus deputados e senadores. A preguntas dos xornalistas, asegurou que as negociacións "non avanzaron o suficiente como para que haxa un acordo".
Os republicanos queren que a amnistía se aprobe "canto antes, moito mellor" e non renunciar a negociar a celebración dun referendo en Cataluña.
Os negociadores do PSOE evitan pronunciarse sobre a amnistía. Si o fai o deputado Óscar Puente, que este venres volverá ser a voz do PSOE no pleno. Considera que é "positiva" unha medida que "dea saída a aqueles que se situaron á marxe da legalidade para que volvan facer política".
As negociacións pasan ademais por outros partidos. O voceiro do PNV no Congreso, Aitor Esteban, non descarta nada, incluso que se repitan eleccións, ben porque Pedro Sánchez non consiga os votos, ben porque "haxa un momento en que demoscopicamente lle poidan estar dando ben os números e decida que lle convén máis ir a unhas novas eleccións".
Se este venres se repiten os números no Congreso, o rei, previsiblemente, chamará os partidos a semana que vén para unha segunda rolda de contactos.