Sanidade confirma un novo caso no gromo de lexionela da Guarda e O Rosal

En total son dez as persoas afectadas, das que sete permanecen hospitalizadas

Hospital Álvaro Cunqueiro Hospital Álvaro Cunqueiro
G24.gal 21/11/2023 19:47 Última actualización 21/11/2023 20:12

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirmou un caso máis no brote de lexionela detectado nos concellos pontevedreses da Guarda e O Rosal, polo que ascenden a 10 as persoas afectadas, das que sete permanecen ingresadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Sobre este último caso confirmado, a Xunta sinala que non se trataría dun novo, xa que os síntomas apareceron "hai polo menos unha semana".

Conforme aos protocolos de Saúde Pública, o departamento sanitario galego constituíu un equipo de investigación epidemiolóxico e ambiental do gromo, tomando mostras de auga da traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco delas, resultando as probas negativas.

Reunión con autoridades sanitarias de Portugal 

Así mesmo, técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, encabezados pola directora xeral, Carmen Durán, mantiveron unha reunión de traballo con representantes de saúde pública do Goberno de Portugal, para intercambiar información sobre os casos de lexionela galegos e os detectados no norte de Portugal, concretamente na localidade de Caminha.

Sanidade indica que, polo momento, non se pode concluír cal é a fonte de exposición, lembrando que o contaxio normalmente se fai aerosois. Destacou tamén que a Consellería mantén informados os rexedores de ambos os municipios da situación e dos resultados das medidas tomadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade