Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade incrementa a vixilancia da tose ferina, con 241 casos no que vai de ano

Sanidade incrementa a vixilancia da tose ferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de casos dáse nos menores de entre 10 e 14 anos

Todos os casos diagnosticados son leves e non requiriron ingreso

G24.gal 05/04/2024 12:54 Última actualización 05/04/2024 13:14

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade incrementou a vixilancia epidemiolóxica sobre a tose ferina ante o incremento de casos.

No que vai de ano, confirmáronse 241 na nosa comunidade. Este aumento, explicou a consellería, "non é exclusivo da comunidade e estase dando de forma xeneralizada noutros territorios".

A maior concentración de casos dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos, e teñen carácter leve, sen que se produciu ningún ingreso nesta poboación.

Anteriormente, os menores de 1 ano eran o colectivo onde se detectaban máis casos, e agora agrupan menos do 5 %. Estes menores de 1 ano son o grupo de idade máis vulnerable, onde se debe priorizar a vixilancia, porque é onde se poden producir as infeccións máis graves e con complicacións, sobre todo nos primeiros meses.

A vacinación, a medida máis efectiva para previr a enfermidade

Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública insistiron na importancia da vacinación fronte á tose ferina, incluída gratuitamente no Calendario de Inmunización para Toda a Vida, dado que é a medida máis efectiva para previr a enfermidade, sobre todo os estados graves en nenos máis pequenos.

O departamento sanitario galego lembra que se deben cumprir as pautas establecidas con doses aos 2, 4 e 11 meses (que se administra na vacina hexavalente) e unha dose de recordo aos 6 anos (que se administra nunha vacina tripla).

Ademais, recoméndase a vacinación no embarazo (a partir da semana 27) para a protección tanto da nai como dos bebés nos primeiros meses de vida. As coberturas alcanzadas en 2023 na nosa comunidade ao redor da vacina son do 99,9 % en vacinación inicial, 94 % na dose de recordo e do 86 % en mulleres embarazadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade