Santiago implantará a taxa turística
Santiago implantará a taxa turística
O presidente da Xunta e máis a alcaldesa de Compostela reuníronse na tarde deste luns
O imposto sería "exclusivo" para a capital de Galicia e non afectaría o resto de concellos
O presidente da Xunta Alfonso Rueda e a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela Goretti Sanmartín avanzaron este luns no establecemento dunha taxa turística “exclusiva” para a capital galega que non repercuta no resto de municipios da comunidade autónoma.
Así o explicaron ambos tras a reunión que mantiveron en San Caetano, que se estendeu durante pouco máis de dúas horas e en que acordaron que esta iniciativa se abordará desde o plan de sustentabilidade turística en que participan as dúas administracións e tamén o Goberno.
Aínda non existen prazos para executar esta taxa, aínda que a intención é buscar unha “habilitación legal” que permita exclusivamente a Santiago instaurar este imposto de forma que a Xunta habilite que sexa a entidade municipal a que se faga cargo das tarefas de recadación. Desta forma, o Goberno galego entende que como a formulación se deriva unicamente das características da afluencia turística que afecta a capital galega, a taxa debería “quedar circunscrita ao Concello de Santiago”.
Rueda reiterou que a súa intención sempre foi “tentar na medida do posible dar satisfacción a esta proposta se non se vía ningún impedimento”. Con todo, a Xunta pediu máis información ao Concello sobre a formulación que propón e que tamén a entidade local o dea a coñecer aos aloxamentos e establecementos que ofrecen os seus servizos na cidade. Para dar o paso final a esta habilitación legal ao concello, Rueda tamén puxo como condición que “o cento por cento” do que recade o concello o dedique a “finalidades turísticas”. A pesar diso, a Xunta dará liberdade ao consistorio para que fixe a cantidade que estime adecuada para esta taxa turística.
Valoración do encontro
A alcaldesa dixo que o seu primeiro encontro oficial co presidente da Xunta foi “produtivo e cordial” a pesar de que non conseguiron avances en cuestións como algunhas infraestruturas ou incrementos económicos para servizos como os comedores escolares ou de axuda ao fogar.
“Saio medianamente satisfeita, hai algunhas prioridades para Santiago en que observo unha boa predisposición por parte do presidente da Xunta”, esgrimiu a alcaldesa compostelá.
Pola súa banda, o presidente da Xunta coincidiu en que a reunión foi “cordial e construtiva”.
Segundo Rueda, ambos entenden que “por encima de rivalidades políticas que proveñen de partidos políticos diferentes” é fundamental “tentar chegar a acordos e argumentar as diferenzas, porque é o que a xente espera”.