Santiago López, engraxador do Villa Nores: "A proa ten crebas por varios sitios; se vén mal tempo, vai romper"
Santiago López, engraxador do Villa Nores: "A proa ten crebas por varios sitios; se vén mal tempo, vai romper"
Santiago López, engraxador do Villa Nores: "A proa ten crebas por varios sitios; se vén mal tempo, vai romper"
Desde o barco que substituíu o Villa de Pitanxo no caladoiro de Terra Nova, este traballador pide que o leven a porto e se faga unha inspección do buque
"Cando veu Capitanía Marítima nin miraron o barco", denuncia, algo que desmente "con rotundidade" a Dirección Xeral da Mariña Mercante
"Estamos no Villa Nores; estou no comedor, porque estou arrestado do traballo desde o día 17". "Por favor, fagan que o barco vai para terra; unha inspección fainos falta, que veña unha inspección e que radien a proa, e punto. É a única opción, aí non poden meter man".
É a denuncia pública de Santiago López, engraxador de máquinas a bordo do Villa Nores, actualmente en augas do caladoiro de Terra Nova. Ten 53 anos e leva toda a vida traballando no mar; unha lesión evitoulle embarcar na última marea do Villa de Pitanxo. No xemelgo deste, o Villa Nores, enrolouse o 22 de novembro. Esta fin de semana alertou, cun vídeo, dos problemas a bordo.
A Cooperativa de Armadores de Vigo emitiu este mesmo sábado un comunicado que asegura que o Villa Nores, segundo lles informou a armadora Pesquerías Nores, tivo unha incidencia que non supón ningún problema, consistente na rotura dunha tubaxe de conexión dunha lavadora, unha avaría que, di textualmente, "foi perfectamente resolta pola tripulación". Unha versión moi diferente é a que sostén Santiago López.
"A proa está agretada por varios sitios, agora está con sika porque selaron para que non entre auga, iso vai romper, se vai mal tempo... aquí o mal tempo non é normal, é unha cousa esaxerada".
Refírese á marca comercial dunha masilla empregada para selar distintos materiais. Asegura que estes días vai bo tempo en mar aberto, pero iso non adoita durar moito no Atlántico Noroeste.
Este traballador acusa a Capitanía Marítima de certificar as boas condicións do barco sen inspeccionalo.
"Non viñeron nin mirar o barco, eu estaba alí cando veu Capitanía e alí nin viñeron mirar o barco".
A Dirección Xeral da Mariña Mercante desmente "con rotundidade" que o buque non fora inspeccionado. Asegura que o Villa Nores ten todas as certificacións en vigor emitidas o verán pasado tras inspeccións realizadas, prosegue, por funcionarios públicos cualificados e independentes. Tamén informan de que Salvamento Marítimo se puxo en contacto co capitán e que este asegurou que non había incidencia de seguridade a bordo.