Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago perde voos con Madrid a primeira hora

Santiago perde voos con Madrid a primeira hora

Coa chegada do verán, as aeroliñas deixan de ofertar os voos máis madrugadores de enlace directo coa capital

O voo máis temperán é Ryanair ás 8 da mañá pero só os venres

A oferta de voos directos a Madrid a primeira hora redúcese dende Santiago
G24.gal 29/04/2024 14:36

"Paréceme vergoñento ademais hoxe en día que a xente por traballo, por visitar familia e goce, cada vez haxa menos voos, menos enlaces, nun aeroporto tan importante como o de Santiago", comenta unha usuaria.

O aeroporto de Santiago perde a conexión directa con Madrid a primeirísima hora da mañá. Ryanair suprime con vistas á temporada de verán os voos que tiña os martes e os mércores arredor das 6 e deixa operativo un ás 8, pero só os venres. Con esta nova configuración, os voos máis temperáns durante o resto dos días laborables, son ás nove e cuarto, operados por Iberia.

"Hai moitísima xente que vai traballar realmente alí e vai e vén sobre todo de luns a venres, sabes, entón que se reduza isto, cando si hai demanda, non ten sentido", apunta outra.

Buscar vías de transporte alternativas ou facer noite en Madrid é para moitos a única solución para poder chegar a tempo á capital.

 "Se sacan eses voos, terás que quedar no lugar esa noite...".

 "Resultaría máis caro porque tes que ou facer noite no aeroporto, que non o aconsello, ou buscar un hotel alí".

 "O prezo do tren non é moi barato, despois o bus tamén tarda moito tempo. Eu penso que complica moito a situación", opinaban esta mañá no aeroporto.

Outros usuarios van ter que buscar acomodo nos aeroportos que teñan máis á man.

"Ter que buscar a vida entre o aeroporto de Vigo ou o aeroporto da Coruña, esa é a solución que poida haber", comenta con resignación un viaxeiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade