Sanxenxo non chega ao 100 % de ocupación nesta ponte do Apóstolo con eleccións
Sanxenxo non chega ao 100 % de ocupación nesta ponte do Apóstolo con eleccións
As cifras están por baixo das expectativas respecto a datos doutros anos
Fin de semana e ponte do Apóstolo atípicos coas eleccións xerais do domingo: a ocupación hoteleira en vilas turísticas como Sanxenxo non chega ao 100 %. Está entre o 70 e 80 % segundo sexa a categoría, o número de estrelas do establecemento.
No hotel La Terraza, de dúas estrelas, un clásico de Sanxenxo que leva aberto desde 1915, están ao 70 % da ocupación, menos que na mesma data o ano pasado. A clientela son, na súa maioría, familias habituais da casa.
"Para esta ponte do Apóstolo, que teriamos que estar ao 100 % e rexeitando peticións, fraccionouse a estancia. Antes a xente viña toda a ponte, dende o venres, neste caso ata o martes. Pero co fraccionamento temos moita xente de fin de semana, e despois, outras estancias de domingo a martes", conta a TVG Iria Martínez, a directora do establecemento.
No hotel de cinco estrelas Carlos I Silgar, hai o movemento habitual nestas datas, a segunda quincena de xullo. Pero como sucedía no hotel La terraza, as cifras de ocupación para esta ponte do Apóstolo están por baixo das expectativas respecto aos datos doutros anos.
"A ocupación de mañá domingo e a ocupación da ponte enteira do Apóstolo non está naqueles niveis que tiña que estar, está un pouco por debaixo. Para estes tres días estamos ao 80 % da ocupación, cando o resto do mes estamos traballando arredor dun 93 %", explica Leonardo López, director do hotel.
Xornada electoral
Con vistas ás eleccións do domingo case todos os clientes cos que falamos contan que xa votaron por correo aínda que hai todo tipo de casuísticas. Hainos que nos din que son de preto e que irán votar e volverán a Sanxenxo no día. Outros, que marchan á mañá para votar no seu lugar de orixe, presencialmente, nalgún momento do domingo.
Para agosto as cifras son algo máis optimistas. En base ás reservas hai un 90 % da ocupación garantida nos hoteis de catro e cinco estrelas e un 70 % nos de dúas e tres.