Sanxenxo pasa de 18.000 habitantes a 100.000 nas fins de semana de xullo e agosto
Sanxenxo pasa de 18.000 habitantes a 100.000 nas fins de semana de xullo e agosto
En tempada alta do verán triplican a poboación habitual, ata as 55.000 persoas
Nos meses de xullo e agosto, especialmente nas fins de semana e nas pontes, o concello de Sanxenxo multiplica ata por seis a súa poboación.
Ten un censo municipal de 18.000 persoas, pero residen habitualmente máis de 20.000, xa que unhas 2.000 non están empadroadas; maiormente galegos doutras provincias pasan longas tempadas nas súas segundas residencias.
En tempada alta do verán, triplican a poboación, ata as 55.000 persoas, que dormen e fan vida aquí. Pero durante as horas centrais do día, nos meses de xullo e agosto, multiplican por cinco e ata por seis a poboación.
Son cifras estimadas polo Concello en función dos datos de consumo de auga, de retirada do lixo e do uso de aparcadoiros deste municipio, que ten dezasete areais con bandeira azul.
Pódese dicir que hai dous Sanxenxos: o do outono-inverno das 20.000 almas e o da temporada alta de verán, cunha poboación que oscila entre as 60.000 e as 100.000 persoas as fins de semana e as pontes festivas.
"Hai fins de semana coma esta de xullo en que a poboación non é que se multiplique por tres senón por seis. Porque de 18.000 pasamos a máis de 100.000 persoas, porque o consumo da auga, os aparcadoiros e o lixo así o indican. E non temos a sensación de que isto estea a rebordar, de cheo, ou que teñamos falta dalgunha cousa. Dicimos sempre que coidado co tema do consumo da auga. Temos auga, non hai problema. Pero hai que ser responsables", conta a TVG Telmo Martín, o seu alcalde.
Unha vez que coñecen unha das xoias das Rías Baixas, moitos son os que repiten destino. Pero a repartición polas dezasete praias do municipio fai que, segundo explican os turistas, non teñan sensación de masificación como noutras áreas de tensión do Mediterráneo ou das Illas Canarias.